Inicio Carballo ao día Hemeroteca As cuartas xornadas Carballo Emprende...

MARTES 3 E MÉRCORES 4 DE MAIO NO VIVEIRO DE EMPRESAS

As cuartas xornadas Carballo Emprende céntranse na innovación como saída empresarial e clave de futuro

Venres 15 de abril do 2011

O Concello de Carballo organiza as xornadas coa colaboración da Cámara de Comercio. En nome da Cámara, Carlos Fernández quixo resaltar que considera un "acerto" a temática da cuarta edición do foro Carballo Emprende porque "se algo nos pode axudar a saír da crise é a innovación", especialmente a "innovación aberta", que, contra os antigos conceptos de segredo industrial e ocultismo, mantén que hai que cooperar e asociarse para aforrar custos, o que cre que "é unha importante mensaxe para transmitirlle ás empresas de Bergantiños e da Costa da Morte". Así mesmo, os empresarios Diego Vázquez e Juan Cancela, integrantes do pleno da Cámara de Comercio coruñesa, manifestaron o seu desexo de que os empresarios e emprendedores da comarca aproveiten as ferramentas que se lles ofrecen, e especialmente nestas xornadas a xente nova que empeza aventuras empresariais. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou a vontade do Concello de seguir impulsando a dinamización empresarial, e, especialmente, do parque empresarial de Bértoa. Mencionou o labor do Viveiro de Empresas, que, a pesares da crise, mantén ocupadas 10 das 18 prazas coas que conta, "optimizando un espazo no momento no que máis se necesita". Por último, lembrou que o peche das xornadas consiste na entrega dos Premios Carballo Emprende, que teñen por obxectivo o fomento da cultura emprendedora e o recoñecemento de proxectos e programas emprendedores, e desexou que "un ano máis haxa interese por crear novos proxectos".

No que respecta ao programa das xornadas polo miúdo, a presenza máis importante é a de Xavier Marcet Gisbert, un auténtico gurú sobre a innovación e o management. Fundador e conselleiro delegado de LTCproject, empresa de consultaría estratéxica con sede en Barcelona, Madrid e Chicago. A súa principal actividade céntrase en axudar, como consultor, ás empresas e institucións a definir modelos de innovación e afrontar os seus retos estratéxicos. Ten sido un dos introdutores en España do concepto de Innovación Aberta e de Emprendeduría Corporativa desenvolvidos polo Profesor Chesbrough así como das políticas públicas sobre xestión de talento. Compaxina a actividade de consultaría coa docencia como profesor asociado da Universitat Pompeu Fabra e como profesor de másters e formación continua en diversas escolas de negocio nas áreas de innovación, estratexia e comunicación corporativa. Formouse na Universitat Autònoma de Barcelona, en ESADE e na Haas Business School da UC Berkeley. Colabora semanalmente desde hai 8 anos no programa "Economia i Empresa" en Catalunya Informació. O seu blog <www.xaviermarcet.com> é unha referencia en innovación e management en España e Latinoamérica. Estará acompañado ao longo das xornadas por expertos como Daniel Cerqueiro, vicepresidente 1º da Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías - Eganet; María Encinar, consultora de marketing e comunicación e co organizadora de Startup Weekend en Galicia; Enrique de Miguel, director executivo da empresa 2Mares; e outros nomes como Javier Varela, Manuel Pan ou Antonio Muíños.

Para esta edición de Carballo Emprende 2011 o Concello espera contar coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, xa que ten solicitado unha axuda a través do seu programa para Promoción Económica. Os interesados e interesadas en consultar o programa polo miúdo, poden facelo nesta nova. Para obter máis información sobre os Premios Carballo Emprende, premer aquí.

Compartir: