Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo recupera a Festa do Pan no Parque do San...

O 8 DE MAIO ENTRE AS 9.30 E AS 20.00 HORAS

Carballo recupera a Festa do Pan no Parque do San Martiño con actividades e actuacións como a do humorista Xosé Touriñán

Mércores 20 de abril do 2011

Xosé Touriñán conta cunha longa traxectoria e ten actuado en numerosas ocasións en Carballo, ben no FIOT na Rúa dos Contos coas Cantareiras de Ardebullo que tanto éxito teñen na TVG, ou ben presentando o programa do Outono de Teatro en solitario. O seu obxectivo é abrir oficialmente a festa cun monólogo sobre o pan. Ao mesmo tempo que comezan as actividades do San Martiño, a Praza do Concello contará coa animación musical dos acordeóns de Verdegaio durante a feira, un grupo que repite ás 17.00 horas. Música tradicional para compartir en bailes, festivais e foliadas. De volta ao San Martiño, sobre as 12.30 horas, está prevista unha charla sobre o pan de Carballo da man de Xavier Castro, profesor da Facultade de Historia de Santiago de Compostela, que ten publicados varios libros sobre a gastronomía galega, ademais de levar a cabo proxectos de investigación neste ámbito. E ás 13.00 horas, para completar a mañá, haberá unha confrontación dos Regueifeiros de Bergantiños, tamén ao redor do pan. Así, tradicionalmente a 'Regueifa' era un bolo de pan que antes do banquete de voda a parella poñían a disposición dos que non foran invitados, pois a maneira de ver quen era a persoa á que lle cabía o honor de repartilo entre os presentes era retarse dialecticamente entre eles, en verso, meténdose uns con outros, cos contraentes ou cos familiares de estes, para ver quen facía gala do maior enxeño e mordacidade.

Obradoiro infantil e contacontos

Pola tarde, o programa continúa ás 16.00 horas cun obradoiro de pan para cativos e cativas, tamén no San Martiño, co obxectivo de que podan achegarse ao proceso de amasado do pan e gozar coa elaboración dos seus propios moletes. Tamén para o público infantil, ás 18.00 horas Celso Sanmartín ofrece unha sesión de contacontos a través de historias baseadas na escoita das nosas tradicións e dos nosos maiores mediante o uso da palabra con humor e ironía. Por último, o grupo de danzas tradicionais Bilitroque das Cantareiras de Berdillo actuará con pezas de baile tradicional con moletes de pan, interpretando músicas e cántigas tradicionais recollidas polo grupo en toda Galicia, revivindo e mantendo a tradición musical. Encarna Alonso, da Panadería Élida Mesejo, e Santiago Trigo, de Panadería Forno Novo, estiveron na presentación da festa en nome dos panadeiros, e desexaron "que a xente coma pan e veña pasalo ben". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que a data do 8 de maio foi escollida polos propios panadeiros por considerala a máis axeitada. Ferrero considera "un reto recuperar a festa do pan", tendo Carballo "como símbolo o molete que nos identifica". "O pan é o estandarte que nos leva a outras moitas terras", engade, polo que "honrar o pan é algo que caracteriza ás boas xentes". O Alcalde cre que a Festa do Pan "ofrece un programa o suficientemente atractivo como para que veñan a Carballo moitos visitantes" e, por último, desexou que "o tempo bote unha man" e "Carballo sexa un motivo de celebración e de festa".

Compartir: