Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobación definitiva en Xunta de Goberno...

CONVENIO DE COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN A BRAÑA

Aprobación definitiva en Xunta de Goberno do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa

Luns 25 de abril do 2011

Hai que lembrar que o proxecto de reparcelación do polígono industrial de Bértoa foi aprobado inicialmente nunha Xunta de Goberno celebrada o 27 de setembro de 2010. Dende ese momento e despois do período de exposición pública, Xestur Coruña SA (Xestión Urbanística da Coruña), entidade responsable do desenvolvemento do parque empresarial, tivo que estudar a única alegación presentada, que foi desestimada en parte, e remitiu finalmente a documentación necesaria ao Concello para poder proceder á aprobación definitiva en Xunta de Goberno Local. Remata deste xeito a primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa e súmanse á superficie actual un total de 718.482 metros cadrados, 458.619 dos cales corresponden a 146 parcelas para uso empresarial -128 de nova creación- e os 259.863 metros cadrados restantes ao chan de cesión. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie total, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización. As empresas que se instalen no parque empresarial poderían crear ata 3.000 postos de traballo nos próximos anos.

A Xunta de Goberno Local tamén contou con outros asuntos na orde do día, como a aprobación dun Convenio de colaboración entre a Asociación A Braña do CEIP Canosa-Rus e o Concello. Así, con motivo do deslinde co Concello de Coristanco, o colexio pertence agora ao municipio veciño e o Concello considera que as familias empadroadas en Carballo que por razón de zona escolar lles corresponde levar aos seus fillos e fillas ao CEIP Canosa-Rus, non poden desfrutar da colaboración habitual do Concello de Carballo coas Anpas do municipio. Así, promóvese a realización de actividades educativas, complementando as actividades académicas e realizandose un importante labor de dinamización cultural. Ante esta situación, as concellarías de Educación e de Cultura propoñen a sinatura dun convenio coa Asociación A Braña de Rus co obxecto de colaborar co desenvolvemento de actividades educativas para os rapaces e rapazas censados en Carballo que cursan estudos no CEIP Canosa-Rus. Así mesmo, a orde do día incluíu unha pequena modificación no modo de pago do contrato de servizos de "Limpeza de praias do municipio de Carballo". Fóra da orde do día, tamén recibiu o visto bo unha pequena modificación do contrato de obra de "Ensanche e mellora da travesía en Bértoa. 1ª fase", incluída no POS 2009.

Comisión das Festas de San Xoán 2011

Por último, aprobouse a composición da comisión de Festas de San Xoán 2011. En representación da Asociación Cultural San Xoán están como presidente Jorge Campos Vázquez e como secretario Vicente Cures Vázquez. Como vogais, a comisión conta con José Antonio Deus Antelo, Xan Fernández Carrera, Xosé Antón Rodríguez Lista, Sergio Varela Fuentes, Gustavo Lorenzo Pena, Adriana Font Beser e Antonio Pedreira Pereira; en representación do Concello de Carballo están a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Compartir: