Inicio Carballo ao día Hemeroteca Marful e Berrobambán Teatro, protagonistas...

SÁBADO 7 DE MAIO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Marful e Berrobambán Teatro, protagonistas xunto con Yolanda Castaño e Xurxo Borrazás da IV Festa da Lingua

Luns 25 de abril do 2011

A entrada a este espectáculo é de balde, mais débese recoller convite nos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos colaboradores ou reservar no teléfono 981 704 304, entre o 2 e o 6 de maio, en horario de 11.00 a 14.00 horas. Cada persoa pode recoller un máximo de 4 entradas. As reservas poderanse recoller no despacho de billetes do Auditorio do Pazo da Cultura o mesmo sábado 7 de 19.30 a 20.30 horas. Xoán Sande quixo subliñar durante a presentación desta cita, "o traballo en común" dos servizos de normalización dos concellos que colaboran coa Festa e manifestou a vontade do seu departamento de "seguir avanzando no traballo en rede para dinamizar e poñer en común o labor dos servizos de normalización da comarca". Tamén mencionou a entrega de premios do II Premio Rosalía de Castro. O xurado reúnese o martes 26 de abril na Deputación e o obxectivo é "impulsar este premio honorífico que pretende destacar a entidades e persoas que se distingan pola promoción da lingua galega". No caso do VII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, hai que subliñar que nesta edición se teñen presentado 48 traballos. O obxectivo deste premio é promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma.

Actuacións

Nesta IV Festa da lingua actuará Marful, o grupo liderado por Ugia Pedreira que supuxo unha revolución musical nos últimos anos, en canto a arranxos, estética e letras de cancións, e que acaba de editar o seu segundo disco, "Manual de sedución". A actriz e contadora Paula Carballeira e mais o actor Chiqui Pereira, de Berrobambán Teatro, traen á festa "Ti dis xouba e eu digo parrocha", un divertimento pseudomusical sobre variantes lingüísticas. E o escritor Xurxo Borrazás é o autor de "A lingua preferida", o manifesto desta IV Festa da Lingua, no que declara que non queremos unha lingua celebrada, que a preferimos falada. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer que se elixira Carballo como sede desta Festa da Lingua, especialmente "porque facilitará que persoas da comarca e da Costa da Morte veñan a Carballo" e a "esta festa de dignificación do idioma propio e do país". O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a colaboración dos cinco concellos participantes para celebrar esta festa, subliñando o "traballo en común". Por último, representantes dos concellos de Cabana e Ponteceso falaron dun programa "ambicioso", co atractivo dos grupos musicais e teatrais, pero tamén con escritores como Xurxo Borrazás.

Os interesados e interesadas en consultar o programa en pdf, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: