Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Aula Municipal de Teatro de Carballo...

VENRES 29 E SÁBADO 30 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A Aula Municipal de Teatro de Carballo preséntase de novo ante o público con "Amores", dirixida por Artur Trillo

Martes 26 de abril do 2011

En "Amores", as pezas encadéanse unha tras outra, compoñendo unha obra que se revela unitaria en amosar unha realidade forte, ata cruel, tinxida de pinceladas negras e vermellas, pero case sempre cun sorriso nos beizos. Por medio destas pinceladas, crúzanse e reméxense, como cartas da mesma baralla, mulleres e homes comúns, retratados xusto no momento en que as luces golpean e iluminan sen piedade as súas emocións máis íntimas. De súpeto, atopámonos obrigados a mirarnos coma nun espello, a confrontarnos con inquietudes sepultadas nos nosos currunchos máis escuros. A sinceridade, as confesións, unha traizón, a desconfianza, o compromiso, o desencanto ou a fe no outro e nun mesmo son algúns dos temas que se abordan neste cadro pensado para facer rir, e, nalgúns casos, tamén para a reflexión. A Aula de Teatro Municipal de Carballo está dirixida por Artur Trillo, coñecido polo público por ser á súa vez o director da compañía ceense Talía Teatro e por ter visitado o Pazo da Cultura en numerosas ocasións ben como actor, ben como director ou autor.

Estarán en escena 16 integrantes da Aula de Teatro, persoas de entre 20 e 50 anos que se enfrontan por segunda vez ante un público que o ano pasado encheu as bancadas do Pazo da Cultura para ver a súa primeira función, "A ruleta rusa", que foi moi aplaudida polos asistentes e que retrataba catro pequenas historias con certo aire burgués onde o humor e os cartos eran algúns dos piares básicos, así como as inesperadas relacións entre moitos dos personaxes. Desta volta Olga Amigo, Ana Barca, Celia Bello, Rebeca Blanco, María Boado, María Caamaño, Marcos Casás, Carmen Cotelo, Sergio García, Mon Lendoiro, Víctor Lorenzo, María J. Martínez, Paca Pacheco, Antón Rodríguez, Manuela Rodríguez e Magda Seoane visten un traxe completamente diferente. Todos eles conforman unha aposta polo teatro afeccionado nunha Aula Municipal carballesa que naceu co obxectivo de ofrecerlle aos veciños e veciñas unha oportunidade de ver o teatro desde dentro e de darlle máis pulo aínda á actividade teatral da vila. Tampouco hai que esquecer que a Aula Municipal de Teatro completouse este ano cun segundo grupo, menos numeroso, que está previsto que ofreza unha representación do seu traballo nas próximas semanas.

Compartir: