Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo delega na Deputación da...

REALIZADO O SORTEO PARA A SELECCIÓN DAS MESAS ELECTORAIS

Carballo delega na Deputación da Coruña as competencias para a instrución dos expedientes sancionadores de tráfico

Martes 26 de abril do 2011

Respecto doutros asuntos da orde do día, aproveitando a celebración da sesión plenaria ordinaria do mes de abril, realizouse o sorteo para a selección dos compoñentes das mesas electorais para as eleccións municipais que se celebrarán o día 22 de maio. O procedemento realizouse a través dun programa informático, de tal xeito que ao remate do pleno todos os grupos da corporación xa dispuxeron do listado cos integrantes das mesas. Outro dos asuntos da orde do día foi a aprobación definitiva da resolución de alegacións do Regulamento de recoñecemento e aplicación da situación administrativa de segunda actividade para o colectivo da Policía Local de Carballo. Houbo un total de 7 alegacións, sendo realizadas tanto por organizacións sindicais como por axentes da Policía Local a título individual. Algunhas destas suxerencias foron aceptadas parcialmente e outras desestimadas. Finalmente, na votación plenaria o asunto foi aprobado coas abstencións dos grupos municipais do PP e de Terra Galega. O último punto da orde do día abordou o recoñecemento extraxudicial de crédito do exercicio 2011 para o Padroado Deportivo Municipal, que ascende a 5.048 euros e que se corresponde con facturas presentadas ao longo de 2011. A maior parte desta cantidade (máis de 4.000 euros) refírese ao importe de traballos de mellora realizados nas instalacións deportivas municipais. Este punto foi aprobado por unanimidade dos membros da corporación.

Compartir: