Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra a VI Semana do Libro e a Lectura...

DO LUNS 2 AO VENRES 6 DE MAIO

Carballo celebra a VI Semana do Libro e a Lectura con obradoiros, contacontos, concertos e exposicións

Mércores 27 de abril do 2011

Xoán Costa subliña a vontade da Semana do Libro de "captar a un público que aínda non é lector" nunha cita que coordina o "gasto público e o investimento privado". Arredor de 1.200 nenos e nenas de Carballo participarán nos obradoiros para o alumnado, nos que haberá cancións, mimos, maxia, ilustración, monicreques e incluso unha representación do clásico de Collodi, "Pinocho". Dentro das actividades abertas ao público hai que destacar, ademais dos contacontos diarios, o concerto "Ola, ola, ola!" de Mamá Cabra, o mércores 4 ás 18.30 horas. A agrupación musical presenta o seu novo traballo que acompaña dun karaoke que foi gravado en Carballo coa achega dalgúns nenos e nenas da vila. A entrada a este concerto é de balde, mais hai que recoller convite no Pazo da Cultura a partires do xoves 28 de abril en horario de 11.00 a 14.00 horas. Tamén hai que subliñar o peche, o venres 6, tamén ás 18.30 horas, co artista Pablo Trasno. Actor, malabarista acróbata e clown, fará soñar ao público coa risa, a emoción e a tenrura do seu espectáculo, e introducirá as actuacións dos/as artistas das escolas unitarias de Berdillo e Mirón, do CEIP Fogar e do CEIP A Cristina, que representarán varios contos para o público. Para os profesores abordaranse temas tan interesantes como a animación, a literatura non sexista, o teatro nas aulas ou a literatura na rede, ademais dunha charla do Centro de Filosofía para Nenos e Nenas de Galicia o luns 2. A AS-PG informa de que está solicitada a homologación destas citas á Consellería de Educación por 10 horas lectivas.

Por último, haberá tres exposicións permanentes. LARA, do Centro de Filosofía para Nenos e Nenas de Galicia; unha mostra de libros cedidos polas editoriais que colaboran coa cita; e unha terceira exposición elaborada polos propios alumnos e alumnas dos centros de ensino de Carballo na que presentan libros feitos por eles mesmos, ou elementos como un gran soldadiño de chumbo. O horario de visitas ás exposicións é de 10.00 a 14.00 horas para os centros de ensino, e de 18.00 a 20.00 horas para o público en xeral. Xoán Costa resalta que, en concellos coas características de Carballo non existe ningunha outra cita como esta Semana do Libro en toda Galicia, algo digno de mención especialmente polos tempos que corren. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo mencionar a coincidencia de que se presentasen as actividades da VI Semana do Libro e a Lectura de Carballo precisamente no Día do Libro. Para Ferrero os nenos e nenas son os verdadeiros protagonistas desta cita, así como o profesorado que apoia as actividades de dinamización da lectura. "O obxectivo sempre é que haxa un lugar de encontro para todas as idades" para fomentar "o desexo de ler a través de novos espazos e estratexias". Lembrou que a Semana remata o día 7 coa celebración da Festa da Lingua, coa presenza de autores como Xurxo Borrazás ou grupos como Marful. Por último, Mónica Buño, de Novacaixagalicia, quixo felicitar "ao Concello e aos veciños por esta iniciativa" para que "dende ben pequenos, os nenos desfruten coa lectura" que a vexan "como un conto e se convirta nun hábito e nunha maneira máis de xogar".

Os interesados e interesadas en consultar o programa polo miúdo, poden premer aquí.

Compartir: