Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello acolle o xoves 12 e o venres 13 de...

INSCRICIÓNS ATÉ O VENRES 6 DE MAIO

O Concello acolle o xoves 12 e o venres 13 de maio a celebración de Cursos de Condución Eficiente

Mércores 27 de abril do 2011

A condución eficiente consiste en aplicar unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación ambiental, ademais de conseguir aumentar a seguridade viaria e o confort a bordo. Segundo datos facilitados polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) os españois aforrarían un 15 por cento anual en combustible cunha condución máis económica sen diminuír a velocidade media. O obxectivo destes cursos é realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios. O curso contará con monitores/as expertos/as que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O alumnado terá a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica. O curso realízase nunha única sesión cunha duración aproximada de 2 horas, sendo a estrutura do curso a seguinte:

  • Quenda de condución normal por cada alumno/a
  • Sesión teórica
  • Quenda de condución por parte de cada alumno/a, aplicando as técnicas de condución eficiente
  • Exposición de resultados das quendas

Para a realización das prácticas porase a disposición dos alumnos/as un vehículo con medición de consumo. O número de alumnos por vehículo será como máximo de catro. As roldas de condución serán realizadas por cada un dos catro alumnos do grupo. O curso levarase a cabo nun percorrido que conte coa maior parte dos elementos representativos da circulación (cruzamentos,rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc.) e nas que a aplicación dunha ou outra técnica achegan diferenzas en consumo. A os asistentes entregaráselle un 'Manual de condución eficiente', así como un diploma acreditativo da participación no curso. Os requisitos son contar cun mínimo de 8 persoas que dispoñan de carné de conducir tipo B e sexan condutores habituais. O día do curso os alumnos terán que levar orixinal e fotocopia do carné de conducir. Os cursos son totalmente gratuítos para os participantes, sendo financiados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) con fondos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).

Tamén é posible obter máis información no correo electrónico <educacion@ceida.org>, e na páxina web do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Compartir: