Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Pazo da Cultura acolle a exposición do...

NA BAIXOCUBERTA DO PAZO DA CULTURA DE 18.00 A 21.00 HORAS

O Pazo da Cultura acolle a exposición do "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo"

Venres 8 de abril do 2011

Segundo a organización, o XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo vén a ratificar o importante papel que xogan as institucións á hora de apoiar e fomentar o coleccionismo. Un papel que se acrecenta e adquire novas dimensións en tempos de crise. Entre as adquisicións e os artistas que conforman a mostra, Nono Bandera, é unha referencia nacional no terreo do apropiacionismo. A súa estratexia consiste en apropiarse de traballos xa feitos para repintalos e dotalos de novos significados. Jorge Perianes, un artista novo cunha traxectoria brillante, revisita a tradición da pintura occidental para elaborar unha particular imaxinería na que os insectos, as vanitas ou mesmo a destrución serven como punto de partida para redactar unha linguaxe absolutamente persoal. Juan Carlos Meana utiliza a fotografía para introducirnos nunha paisaxe na que os mástiles funcionan como intrusos nunha natureza inquedante chea de contidos subliminales. Tamara Feijoo recorre ao debuxo, unha linguaxe que domina maxistralmente, para crear unha serie de autorretratos nos que o humor ou mesmo a ironía fannos cuestionar tradicións firmemente asentadas na nosa longa e densa memoria cultural.

Todos estes artistas poden servir como unha resumidísima carta de presentación, como un índice que representa a unha nómina bastante máis ampla de fantásticos creadores: Itziar Ezquieta, Stephane Gerard Lutier, Helena Segura Torrella, Anne Heyvaert, Monica Cobo, ou Eduardo Valiña, entre outros. Segundo o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, os obxectivos xerais deste certame e da conseguinte exposición son impulsar a creación artística en todos os seus ámbitos e estimular a aparición de novos talentos na provincia, dentro da ampla e diversa acción cultural da Deputación da Coruña. O prestixioso certame é un exemplo máis da aposta decidida da Deputación, segundo Moreda, "polos nosos artistas e creadores e pola difusión das súas obras". A exposición itinerante percorre en cada edición unha decena de concellos da provincia, como Melide, Cambre ou Porto do Son, entre outros. Cúmprense así, remata Moreda, dúas cuestións de grande importancia para os artistas que concorren ao premio: a oportunidade de que as súas obras sexan seleccionadas polo xurado e adquiridas pola Deputación, e a posibilidade de que estas teñan unha ampla difusión en toda a provincia grazas ao numeroso público que visita as exposicións.

Compartir: