Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo crea un novo aparcadoiro público...

NOVO ESPAZO: 45 PRAZAS ENTRE AS RÚAS RÍO E XIRONA

Carballo crea un novo aparcadoiro público para superar as 2.500 prazas libres en solares na capital municipal

Luns 2 de maio do 2011

A administración local ten realizado un labor de acondicionamento de novas zonas de aparcamento, así como de regulamento das existentes nas rúas do centro carballés, co obxecto de facilitar tanto a actividade comercial como as xestións administrativas na capital municipal. Así, favoreceuse a creación de prazas de estacionamento evitando a presenza de vehículos lapa -ou ventosa- que ocupan unha mesma praza incluso durante todo o día, grazas á zona azul. Así, o casco urbano conta con preto de 500 prazas de aparcamento regulado por zona azul, uns espazos que foron creados pouco a pouco dende o ano 2002, en que se acondicionaron as primeiras prazas no entorno da Praza do Concello para irse estendendo se xeito concéntrico a outras zonas da capital municipal, chegando á rúa Sol, á rúa Rosalía de Castro ou á Milagrosa. A zona azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de zona azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada. Ademais, os veciños e veciñas deben indicar no momento do aparcamento a hora de inicio do estacionamento.

Por outro lado, para favorecer a actividade comercial permitindo aparcadoiros sen límite de tempo, téñense creado grandes zonas de estacionamento de balde en puntos estratéxicos, chegándose ás 2.500 prazas, sendo especialmente empregados os aparcadoiros da zona de Rego da Balsa e da Horta do Casino, ademais do do Pazo da Cultura. Os interesados e interesadas poden consultar un plano de situación cos aparcadoiros públicos de Carballo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: