Inicio Carballo ao día Hemeroteca Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a...

ESTÁ DOTADO CON 1.000 EUROS E A PUBLICACIÓN EN NOVE XORNAIS

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Luns 2 de maio do 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo subliña que o accésit concédeselle a Diego Giráldez «pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios» e pola «calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos». O xurado estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista «Tempos Novos»; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.

O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», e que «a calidade dos traballos presentados é alta», polo que anima aos autores e ás autoras non premiadas a difundir e publicar os seus artigos. Nas seis edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro ou Marica Campo. O artigo gañador publicarase nos medios de comunicación colaboradores nas próximas semanas, en datas que se anunciarán proximamente. Os medios de comunicación escrita que colaboran e que publicarán o artigo gañador son: «A Nosa Terra Diario», «Diario de Bergantiños», «Galicia Hoxe», «La Opinión de A Coruña», «La Voz de Galicia», «Longa Lingua», «Radio Líder», «Tempos Novos» e «Xornal de Galicia».

A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 de maio no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño. As entradas para esta festa, que son de balde, pódense xa reservar no teléfono 981 704 304 ou recoller no Pazo da Cultura en horario de 11.00 a 14.00 horas.

Compartir: