Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo Emprende arrinca centrándose na...

PECHE O MÉRCORES 4 CON XAVIER MARCET GISBERT

Carballo Emprende arrinca centrándose na innovación aplicada ás novas tecnoloxías e na cooperación

Mércores 4 de maio do 2011

Nesta mesa redonda estiveron presentes Javier Varela, consultor de marketing, estratexia e comunicación 2.0, ten realizado a promoción online do viño Paco & Lola; María Encinar, consultora de marketing e comunicación e co-organizadora do Startup Weekend en Galicia; Antonio Muíños, co fundador da empresa Porto Muiños, un referente na recolección, transformación e distribución de algas para o consumo humano; Enrique de Miguel, director executivo das empresas tecnolóxicas 2Mares e Vmodal; e Manuel Pan Collazo, presidente da Asociación de profesionais do sector turístico (APTCM) e director de Abertal Networks. Entre algunhas das ideas que xurdiron ao longo da tarde, hai que subliñar o concepto de innovación, entendido non só como investigación e desenvolvemento aplicado ás novas tecnoloxías, senón tamén como creación de novas estratexias de negocio que axuden a reducir gastos, a atraer novos clientes e a crear novas oportunidades de negocio. Ademais, á hora de emprender, a creación dun plan estratéxico, a creación dunha boa rede de contactos, a especialización ou a concreción do produto poden ser claves para a supervivencia dunha empresa. A mesa redonda centrouse tqamén en casos concretos, como Abertal ou 2Mares, sempre facendo fincapé na importancia de que innovar é crear novas ideas que teñan perdurabilidade no mercado e tendo en conta que "a estratexia é clave", en verbas de Enrique de Miguel.

A importancia de cooperar para innovar

O mércores 4 de maio, día de peche de Carballo Emprende, as xornadas arrincaron pola mañá con outra mesa redonda, neste caso baixo o título "Innovar a través da cooperación entre pemes e centros de investigación". Estiveron presentes na mesa Ángel Noguerol, técnico da Cámara de Comercio; Margarita Fernández, directora de proxectos de Valora Consultores; Ignacio Couñago, delegado do centro tecnolóxico Aimen; e Marcos Balboa, director executivo de Bilega, consultora de eficiencia enerxética e enerxías renovables. Durante a mesa xurdiron ideas recorrentes, como a innovación aberta, que supón a busca de novas ferramentas e ideas fóra da propia empresa; ou a necesidade de colaborar para innovar, entre as empresas, os provedores ou incluso os clientes, especialmente nunha época na que Internet facilita enormemente esta colaboración. Algúns exemplos prácticos exemplificaron a importancia das redes sociais como unha estratexia de innovación, como en Procter & Gamble (empresa con marcas como Ariel, Olay ou Gillette) ou en Dell. Outros falan de casos como o navegador Mozilla e Nokia, que introduciron o código aberto permitindo o desenvolvemento de melloras a través de técnicos de todo o mundo. Ou de empresas como o restaurante El Bulli, que aplica a transferencia do coñecemento ao mundo da cociña. Carballo Emprende segue o mércores pola tarde falando de innovación, neste caso coa presenza dun auténtico gurú neste campo, Xavier Marcet Gisbert, que aborda a "Innovación e estratexia de negocio". Así mesmo, ás 20.00 horas está prevista a entrega dos Premios Carballo Emprende.

Hai que lembrar que para esta edición de Carballo Emprende 2011 o Concello espera contar coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, xa que ten solicitado unha axuda a través do seu programa para Promoción Económica.

Compartir: