Inicio Carballo ao día Hemeroteca Teatro, exposicións, libros, música...

TRADICIONAL MARATÓN DE LECTURA O DÍA 17

Teatro, exposicións, libros, música e festivais forman o Programa das Letras do mes de maio

Mércores 4 de maio do 2011

A música é protagonista no Programa das Letras, xa que o mesmo 17 de maio tamén se celebra o Concerto das Letras coa Banda Municipal que dirixe Vicente Pérez Planels, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. Pero hai outras citas musicais ao longo do mes, como un festival de música e baile o 27 de maio titulado "A música no cine" a cargo do alumnado do IES Parga Pondal, ou os Encontros Culturais de Arume o día 29, un festival de música e baile tradicional. A Festa da Lingua, que se celebra o sábado 7 ás 21.00 horas, tamén inclúe a actuación musical de Marful, ademais da presenza do teatro infantil de Berrobambán e de Yolanda Castaño e Xurxo Borrazás. Os interesados/as aínda poden reservar os convites no Pazo da Cultura de 11.00 a 14.00 horas.

O teatro é outro dos ingredientes principais do programa. Así, o 14 de maio o grupo de teatro afeccionado da ACD A Piña de Sofán ofrece as comedias teatrais "Telexornal serán da televisión de Sofán" e "Lobiño Caparuchiño". O día 21 un espectáculo de teatro de obxectos con música en directo baseado en textos de Lois Pereiro centra o programa, co título "Poesía última de LP". Así mesmo, o 24 de maio o grupo de teatro da Escola de Idiomas representa tres pequenas historias no auditorio do Pazo da Cultura. E o día 28 é a quenda do grupo de teatro do Coro Vagalume, que representa "O fundimento do Tiranic e a perla roxa".

Tres exposicións

O mes das letras complétase coa presenza de tres exposicións nos distintos espazos do Pazo da Cultura. Así, até o 10 de maio pode visitarse no 3º andar do edificio a exposición das obras que veñen de participar no "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo" organizada pola Deputación da Coruña. Esta exposición de carácter itinerante recolle obras de diverso tipo de manifestacións plásticas: pinturas, esculturas e fotografías. Obras de distintos estilos e temáticas, que integran un ecléctico escaparate das tendencias, vangardas, e estilos da arte actual de artistas tanto galegos coma nacionais e internacionais. Até o día 12, está a mostra "Paco del Pino. Fotografías 1989-2009", unha exposición fotográfica do artista granadino Paco del Pino. Temos agora a oportunidade de coñecer a obra deste artista polifacético: pintor, músico, restaurador de arte, e fotógrafo. A exposición concíbese como homenaxe á auga de Roma, as súas fontes e os seus estanques, cidade onde reside dende finais dos setenta, e que acolleu o seu desenvolvemento artístico e profesional. Por último a partires do xoves 26 de maio será posible visitar a exposición fotográfica de Helena Segura-Torrella, una artista emerxente que presenta unha serie de obras con moita forza e orixinalidade baixo o título de "Innocence".

Presentación de libros como "Cara B" do carballés Ignacio Silva; actos como Vento Lois, coorganizado pola AC Lumieira; o XXXI Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo; ou o 31 de maio o Festival das Letras Galegas que pecha as actividades extraescolares do CEIP Bergantiños completan un programa que os interesados/as poden consultar nesta nova en pdf.

Compartir: