Inicio Carballo ao día Hemeroteca A empresa de venda online de produtos de pesca,...

XAVIER MARCET PECHOU AS PONENCIAS DAS XORNADAS

A empresa de venda online de produtos de pesca, PéZcalo, gañadora do 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

Xoves 5 de maio do 2011

Os premios teñen sido entregados no acto de peche das IV xornadas Carballo Emprende polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, polo Vicepresidente 1º da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, e polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Couceiro quixo subliñar, na clausura dunhas xornadas dedicadas á innovación, que nos tempos que corren a palabra clave no mundo empresarial é a "colaboración" co obxectivo de acadar un futuro máis emprendedor: "temos que aprender a compartir e a traballar en equipo nun mercado cada vez máis cambiante". O Alcalde manifestou a necesidade de "marcar estratexias compartidas" entre administracións e empresarios, porque "neste contexto que padecemos só coa colaboración de todos poderemos facer máis curto o camiño que nos levará á esperanza".

Respecto da contía dos premios, o Concello concede ao Primeiro premio 1.200 euros, ao Segundo 1.000 euros e o Terceiro premio está dotado con 800 euros. A Cámara de Comercio da Coruña concede dous premios consistentes na bonificación da cota de cesión (gratuíta) dun espazo no seu Viveiro de empresas de Carballo durante un período de 6 meses, e como máximo até o 31 de decembro de 2011, aos dous proxectos que cumpran os requisitos de admisión do Viveiro, non se atopen na actualidade nas súas instalacións e teñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado. No caso do Premio Carballo Emprende a Programas de Fomento da Emprendeduría, o Concello concede un galardón cunha dotación económica de 1.000 euros.

Xavier Marcet Gisbert: "Innovación e estratexia de negocio"

No último día das xornadas Carballo Emprende 2011, o fundador e conselleiro delegado da empresa de consultaría estratéxica LTCproject (con sede en Barcelona, Madrid e Chicago) e considerado un auténtico gurú en innovación a nivel mundial, foi o encargado de pechar o ciclo de ponencias e mesas redondas. Cunha grande enerxía e capacidade de motivación, deixou claro un concepto: "non hai innovación sen risco, pero o maior risco é non innovar". Tamén expuxo unha serie de claves para innovar, non só nas grandes empresas, pero tamén e sobre todo nas pemes. Así, para Marcet, é importante "cómo xestionar o risco sen expoñer aos clientes", ademais de manexar o concepto de innovación aberta. Este concepto fai fincapé en que é moi importante aproveitar as novas ferramentas de comunicación para establecer contactos e diálogos con axentes externos á propia empresa e cooperar para atopar novas solucións que axuden a satisfacer aos nosos clientes, ou incluso a crear novos clientes. A través de exemplos prácticos de empresas moi coñecidas como Sony, Apple, Microsoft, IBM, Shell ou Google, Marcet amosou a importancia de estar no momento axeitado no lugar axeitado, pero tamén a importancia do traballo e das novas ideas. Non seu discurso houbo, así mesmo, unha mención especial para Steve Jobs, alma mater de Apple e un experto en innovación empresarial, pero tamén subliñou outro principio fundamental "a humildade con ambición é o mellor factor para innovar".

Hai que lembrar que para esta edición de Carballo Emprende 2011 o Concello espera contar coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, xa que ten solicitado unha axuda a través do seu programa para Promoción Económica.

Compartir: