Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Circuíto de Motor de Bértoa...

SÁBADO 14 E DOMINGO 15 DE MAIO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a celebración da 2ª proba do Campionato de España de Quadcross

Venres 6 de maio do 2011

No que se refire á presenza de corredores locais, dende Carballo e por parte de Ecoquad está prevista a presenza de Daniel Remuiñán, segundo Iván René Barreiro, un corredor con grandes posibilidades de facer podio. Respecto dos horarios, a proba comeza o sábado 14 cos adestramentos libres dende as 15.00 horas, as verificacións técnicas e administrativas e o briefing previsto para as 20.30 horas. O domingo é a celebración da proba propiamente dita, dos adestramentos libres e as cronos da Q2 e a Q1 entre as 9.00 e as 11.00 horas. A partires das 11.10 disputaranse as mangas coa entrega de trofeos prevista para as 14.15 horas. Dende Ecoquad Galicia queren subliñar a importancia da afluencia de pilotos e patrocinadores, especialmente en tempos de crise, ademais de que agradecen as melloras realizadas no circuíto por parte do Concello, así como a súa colaboración na organización da proba e das escudarías Bergantiños e Coruña e o club Remontes.

O xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, quixo destacar o "compromiso" e "responsabilidade" da organización da proba, porque "todo o mundo achega o seu gran de area" para que todo saia ben. Pola súa banda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mencionou que "sempre fora un obxectivo poñer a disposición das escudarías un espazo privilexiado como de Bértoa, adaptado para varias modalidades de motor". Felicitou á organización pola celebración dun novo Campionato de España en Carballo e subliñou que, facendo balance dende a posta en marcha do Circuíto "o obxectivo que se perseguía está plenamente conseguido", ademais de que "para os carballeses e carballesas é unha grande satisfacción ver que é un espazo con moita actividade". Por último, animou ao público a que asista á proba e desexou "que o tempo permita que sexan unhas xornadas para que o circuíto siga gañando protagonismo e sexa ben valorado por todos os participantes".

Os interesados e interesadas en obter mais información sobre a proba, poden facelo na páxina web de Ecoquad Galicia: <www.ecoquadgalicia.com>.

Compartir: