Inicio Carballo ao día Hemeroteca A capital municipal acolle o 19 de xuño a...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATÉ O 12 DE XUÑO

A capital municipal acolle o 19 de xuño a I Carreira Popular Concello de Carballo

Venres 13 de maio do 2011

Dende a Peña Ciclista Media Ducia subliñan a gratuidade da proba, así como que estea homologada pola Federación Galega de Atletismo, polo que os tempos que se rexistren durante a carreira serán recoñecidos oficialmente. Así mesmo, será unha carreira controlada por chips tanto á saída como á chegada, polo que os participantes poderán recibir información a través do teléfono móbil ao remate de cada unha das competicións. Dende o Club Ciclista Carballo manifestan que a súa colaboración nesta proba nace da vontade de colaborar coa práctica de calquera tipo de deporte. Por último, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer a colaboración das asociacións do municipio na celebración da cita e subliñou que "estes eventos deportivos teñen moito de festa e de celebración". Manifestou a vontade de tentar seguir apoiando "todo o que sexa impulsar o deporte, especialmente desde as categorías inferiores" e animou á xente á participación e a ver este espectáculo que é "ver as rúas cheas de xente que practica deporte". A carreira contará cun total de 12 clasificacións e o reparto de 36 trofeos, máis dous especiais para a categoría absoluta ao 1º carballés e carballesa. Está previsto que veñan corredores dende moitos dos concellos da comarca, así como de cidades como A Coruña, Santiago ou Ferrol.

Respecto da normativa, entre algunhas das súas normas destacan que poderá participar calquera persoa que o desexe sen importar condición, sexo ou nacionalidade; o tempo máximo de duración da proba de 10 quilómetros será de 1 hora e 20 minutos; o percorrido estará debidamente sinalizado pola organización e existirá 1 posto de avituallamento, aproximadamente no quilómetro 5, máis o especial de meta; os dorsais e o chip entregaranse o día da proba en horario de 9.00 a 11.00 horas e facilitaranse dorsais e chips o día da carreira ata as 11:00 horas, é dicir, 1 hora antes do seu comezo. Respecto dos servizos dispoñibles durante a proba, haberá duchas no pavillón Municipal Vila de Noia en horario de 10.00 a 14.30 horas; o avituallamento estará habilitado nunha zona concreta ao pasar meta; os participantes recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa e a entrega de premios será a partires das 13:30 horas fronte ao Concello de Carballo. Os interesados e interesadas en inscribirse na proba poden facelo premendo aquí, onde tamén se pode obter máis información sobre a proba. O regulamento pode consultarse nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: