Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os feridos en accidentes de circulación...

O NÚMERO DE SINISTROS BAIXOU NUN 12 POR CENTO

Os feridos en accidentes de circulación descenderon en Carballo un 30 por cento no período entre 2007 e 2010

Mércores 11 de maio do 2011

Outra das medidas que se teñen tomado é a substitución dos diodos fundidos das novas ópticas LED dos semáforos da capital municipal. O obxectivo é manter a correcta visibilidade desta sinalización vertical, tamén co obxecto de evitar accidentes e redundar na seguridade. Outras actuacións en materia de tráfico no casco urbano supuxeron a creación de novas prazas de estacionamento de vehículos libres, chegándose ás 2.500, o regulamento do estacionamento no centro a través da zona azul, con preto de 500 prazas con límite de tempo, ou a creación de estacionamentos específicos para bicicletas en varios puntos da capital municipal. No caso das parroquias, tamén se teñen tomado medidas para mellorar a seguridade, co arranxo de vías ou actuacións como a construción de beirarrúas en parroquias como Rus ou Ardaña, ademais de que nestes momentos están en marcha as obras para mellorar a seguridade viaria e crear beirarrúas en Taboada, parroquia de Entrecruces, unha actuación incluída no POS 2010. Estes traballos dan resposta a unha demanda dos veciños e veciñas de Entrecruces, que solicitan que se reduza a perigosidade na marxe dereita da ponte, onde se teñen rexistrado accidentes de circulación debido á curva que se forma.

A Concellaría de Seguridade e Tráfico informa de que nos próximos días continuarase cos labores de mantemento e pintado da sinalización de cara ao verán e ás Festas de San Xoán, datas en que a vila recibe numerosos visitantes.

Compartir: