Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello arranxa os danos dos temporais nas...

REPOSICIÓN DE DUCHAS, RAMPLAS E PONTES EN RAZO E PEDRA DO SAL

O Concello arranxa os danos dos temporais nas praias e mellora os seus accesos de cara ao inicio da tempada de verán

Sábado 21 de maio do 2011

Ao mesmo tempo que se arranxan os danos provocados polos temporais, os operarios tamén veñen de emprender o arranxo e mellora dos accesos ás praias do municipio. Así, ao longo desta semana principiaron os traballos nas pistas e vías de acceso a Razo, Pedra do Sal e As Saíñas. Estanse efectuando as melloras correspondentes no firme, reparando as fochas e botando zahorra nas seguintes pistas: no acceso a Razo en Montepeados; no acceso á Lagoa de Baldaio; nos accesos ás praias de Pedra do Sal e "das escaleiras"; no acceso ao areal situado a carón co campo de fútbol da Arnela; na pista dende Arnela á praia de Leira pola costa; e na pista que transcorre dende Leira cara a Caión. Ademais da mellora no firme, estase procedendo, así mesmo, ao acondicionamento e apertura de cunetas para facilitar a evacuación da auga e favorecer a circulación dos vehículos durante o verán.

Por outra banda, hai que lembrar que nestes momentos está en marcha o proceso selectivo para a contratación laboral temporal con cargo ao Concello dun total de 32 socorristas para a Unidade de Salvamento nas Praias e poder garantir a seguridade durante a tempada de baño. Así, o sábado 21 de maio realízase o primeiro exercicio da fase de oposición coa realización das probas físicas na piscina Carballo Calero da capital municipal. Un total de 51 aspirantes teñen sido admitidos no proceso selectivo. Por último, hai que subliñar que dende xuño do ano pasado a empresa Eulen encárgase do labor de 'Limpeza de praias do municipio de Carballo', non só durante o verán, senón tamén dende o 16 de setembro até o 1 de outubro e dende o 1 de abril até o 15 de abril, co obxecto de garantir o mellor estado posible dos areais.

Compartir: