Inicio Carballo ao día Hemeroteca Oporto, Balboa, Barcelona ou Atlético de...

FASE FINAL: 10, 11 E 12 DE XUÑO

Oporto, Balboa, Barcelona ou Atlético de Madrid participan no VII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

Venres 20 de maio do 2011

Respecto do proceso para seleccionar ao equipo chegado da fase previa, hai que mencionar que se escolle no II Torneo de Fútbol 11 Autonómico, que se disputa ao longo de todo o ano coa celebración de encontros entre un total de 19 equipos de categoría alevín de clubs de toda Galicia. De feito, Torres Pichel resalta o feito de que sexa un torneo único na comunidade, e case único en todo o territorio español nesta categoría. Dos 19 equipos, os 8 mellores xogan a primeiros de xuño a fase previa da que sairá o club que gañe finalmente o dereito a estar no Torneo e a medirse con equipos da categoría do Barcelona, finalista da Champions League, ou o Oporto, gañador da Europa League. Para Torres, o VII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo é "dificilmente mellorable", especialmente nos tempos que corren, e desexou que, un ano máis, sexa un escaparate para contribuír á boa imaxe de Carballo. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo felicitar ás Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz porque "un ano máis son capaces de dar resposta aos retos que plantexan as categorías inferiores", ademais de xuntar na vila a futbolistas de clubs do máis alto nivel. Quixo desexar éxitos para o seu labor e "excelente traballo" e manifestou a vontade do Concello de seguir "colaborando con quen o merece", e que a xente asista ao Torneo para valorar precisamente este traballo.

A Copa do Mundo nas Eiroas o día 12

Por último, un dos principais atractivos do Torneo tamén é a presenza o domingo 12 de xuño da Copa do Mundo, que poderá visitarse ao longo de toda a mañá, e ata que rematen os encontros, na sala de trofeos do campo das Eiroas. Para o Alcalde, é unha inmellorable oportunidade para que os cativos e cativas e os que non o son tanto teñan a oportunidade de "fotografarse co máximo trofeo que conseguiu o fútbol en todo o Estado", constituíndo o mellor broche posible para o peche do Torneo. Hai que mencionar que, ademais da exposición da Copa do Mundo e a disputa da final, o domingo haberá encontros polo 3º e 4º, 5º e 6º e 7º e 8º posto, ademais de que está previsto entregar distincións para o mellor xogador do torneo, o mellor porteiro e o máximo goleador. Por último, tanto dende as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz como dende o Concello de Carballo, organizadores da cita, non queren esquecer o seu carácter de Memorial en honra de José Luis Vara Olveira, un dos artífices da competición nos seus inicios, tristemente falecido.

Compartir: