Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo garante a calidade das...

SEN COMUNICACIÓN OFICIAL DE ADEAC SOBRE A BANDEIRA AZUL

O Concello de Carballo garante a calidade das augas da praia de Razo, perfectamente aptas para o baño

Xoves 26 de maio do 2011

Para a concesión da Bandeira Azul, a calidade das augas das diferentes praias mídese dacordo co Sistema de Información Nacional de Augas de Baño, Náyade. Por este sistema, analízase a presenza na auga de dous tipos de bacterias: escherichia coli e estreptococos fecais. No primeiro caso, para acadar a excelencia, de 10 análises realizadas, 8 deben estar por debaixo de 100 unidades formadoras de colonia por cada 100 mililitros. No segundo, de 10 análises, 9 deben estar por debaixo deses parámetros. No caso da praia de Razo, e segundo consta na base de datos do Náyade -que calquera interesado pode consultar en Internet-, en 2010 constan tan só 9 análises en Razo, das que 7 ofrecen resultados por debaixo de 100 e 2 lixeiramente por enriba, no caso de escherichia coli; e no caso de estreptococos fecais, tan só se ten rexistrado 1 mostra de 9 por enriba de 100. Ademais, a normativa indica que con resultados de entre 100 e 200 unidades por cada 100 mililitros a calidade das augas é considerada "boa". Por todo o anteriormente exposto, o Concello pode asegurar que a auga de Razo é perfectamente apta para o baño e os veciños e veciñas poderán desfrutar do mar ao longo de todo o verán con total seguridade. Así mesmo, o Concello seguirá investigando e pedindo informes para averiguar o motivo da non concesión da Bandeira Azul e seguirá comprobando a cualidade das augas para o baño.

Bandeira Azul nas Saíñas e Pedra do Sal

Por outro lado, hai que subliñar que as praias carballesas das Saíñas e Pedra do Sal si contan coa Bandeira Azul que concede a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). No caso das Saíñas, o areal conta de novo co distintivo despois de obtelo por primeira vez o ano pasado. Tamén hai que lembrar que esta bandeira recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen estes espazos naturais, atendendo a accesibilidade, o feito de que exista recollida selectiva, o servizo de salvamento e socorrismo, etc. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea. Por outra banda, hai que lembrar que o Concello carballés vén de rematar o proceso selectivo para a contratación laboral temporal con cargo ás arcas municipais dun total de 32 socorristas para a Unidade de Salvamento nas Praias e poder garantir a seguridade durante a tempada de baño que comeza a principios de xuño. Ademais, nos últimos días estanse realizando labores para o acondicionamento dos accesos, así como das ramplas e duchas dos areais para que todos os servizos estean en marcha o antes posible.

Compartir: