Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e Xestur formalizan a permuta de...

EDIFICARASE NUNHA PARCELA DE 1.900 METROS CADRADOS

O Concello e Xestur formalizan a permuta de terreos para a construción dunha subestación eléctrica no polígono de Bértoa

Venres 27 de maio do 2011

Dende o acordo plenario de febreiro de 2010 fóronse superando unha serie de trámites que finalmente culminaron hoxe na sinatura da permuta, na que tamén estivo presente o Concelleiro de Promoción Económica en funcións, Xosé Manuel García Guillín. María Doporto avanzou que nestes momentos estanse ultimando os detalles do proxecto construtivo da subestación, e que, tan pronto estea rematado, estarase en disposición de comezar os traballos. Así mesmo, tamén manifestou que varias empresas, algunhas incluso de fóra de Galicia, teñen expresado o seu interese en instalarse no parque empresarial carballés, aínda que polo de agora non se ten acadado ningún acordo. A aprobación definitiva do proxecto de reparcelación do Parque Empresarial de Bértoa a finais do mes de abril en Xunta de Goberno Local permite que poidan concederse as primeiras licenzas para a creación de novas naves no polígono industrial carballés. Esta aprobación -realizada despois de que Xestur resolvera a única alegación presentada ao proxecto de reparcelación- supuxo a transmisión ao Concello, en pleno dominio e libre de cargas, de todos os terreos de cesión obrigatoria que pasan a ser de titularidade municipal.

Coa aprobación definitiva do proxecto de reparcelación rematou a primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa, sumándose un total de 718.482 metros cadrados á superficie global do polígono, dos cales 458.619 corresponden a 146 parcelas para uso empresarial -128 de nova creación- e os 259.863 metros cadrados restantes ao chan de cesión. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie total, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización. En canto aos terreos de cesión obrigatoria que pasaron coa reparcelación a ser de titularidade municipal, son os seguintes: dúas parcelas destinadas a equipamento público de 13.917 e 1.350 metros cadrados; tres parcelas destinadas a zona verde de 23.013, 45.840 e 34.623 metros cadrados; unha parcela de servizos técnicos de 2.645 metros cadrados; seis parcelas de aparcadoiro público de 6.857, 2.033, 2.361, 4.250, 4.336 e 4.336 metros cadrados; e unha superficie de rede viaria de 114.302 metros cadrados.

Compartir: