Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Pazo da Cultura acolle o VII Curso de...

DÍAS 20, 21 E 22 DE XULLO

O Pazo da Cultura acolle o VII Curso de verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

Mércores 1 de xuño do 2011

O curso comeza cun relatorio de José María Sánchez Carrión, "Txepetx", sociolingüista vasco, no que presentará propostas de discursos e argumentos integradores para a normalización lingüística. A continuación, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falará sobre a dignificación das palabras que nos pertencen, como é o caso do termo "normalización". Pola tarde, o técnico de normalización Iván Méndez fará unha panorámica sobre os marcos e discursos sobre a lingua, e pecharase o día con grupos de traballo sobre a construción de discursos para a promoción da lingua. O segundo día de curso, o xoves 21, principia cun relatorio de Celso Álvarez Cáccamo, profesor da Universidade da Coruña, co título "Para a hexemonía social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas". A continuación traballarase en grupos sobre a construción do discurso e, xa pola tarde, o sociólogo Fermín Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. A continuación, a psicóloga valenciana Gemma Sanginés fará un obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro do profesor Valentim R. Fagim sobre o coñecemento e a importancia do portugués.

"Pelos na lingua" de Talía Teatro

O día remata coa representación de Pelos na lingua, de Talía Teatro, obra teatral de grande éxito sobre a realidade lingüística de Galicia e que foi estreada no mes de febreiro en Carballo. O último día do curso, o venres 22, a psicóloga valenciana Gemma Sanginés repetirá o obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro de Manuel Núñez Singala, escritor e director de normalización da Universidade de Santiago de Compostela, sobre os prexuízos lingüísticos. A continuación leranse as conclusións xerais dos grupos de traballo e da conferencia de clausura encargarase o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e técnico de normalización do Concello de Carballo, Nel Vidal, que falará sobre unha posíbel guía de estilo para a política lingüística.

Compartir: