Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle un curso de verán da...

XOVES 16 E VENRES 17 DE XUÑO NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle un curso de verán da Universidade da Coruña sobre "A evolución do turismo no marco da sociedade global"

Venres 3 de xuño do 2011

Os directores deste curso, o decano da Facultade de Socioloxía da UDC, Antón Álvarez Sousa, e María José Andrade Suárez, presentaron esta actividade co Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica en funcións. Antón Álvarez quixo subliñar os problemas da Costa da Morte para establecerse como un produto de referencia dentro de España, xa que, a pesares de ser unha zona "con moitos recursos turísticos" con incluso "proxección internacional", "falta un empurrón" para desenvolver un auténtico plan turístico entre todos os concellos da zona. Tamén puxo a disposición do Concello e da Costa da Morte os recursos da UDC para tentar camiñar cara ese obxectivo, que cre que se acadaría co desenvolvemento dun plan a curto e medio prazo e dun programa máis a longo prazo que poña en valor a zona. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, desexou que este curso sexa un punto de encontro que permita a reflexión para o traballo futuro. Recoñeceu que é verdade que a Costa da Morte "aínda non ten optimizado os seus recursos", lamentando o recente fracaso na constitución dun Consorcio de Turismo, pero salientou que cursos e actividades formativas como esta poden "poñer en valor as potencialidades" da zona, nun destino "extraordinario para moi diversas modalidades turísticas".

Características do curso e da inscrición

O perfil preferente dos asistentes a esta actividade formativa, fixado nun máximo de 70 persoas, é o de alumnos/as ou titulados/as en Turismo, Administración de Empresas, Economía, Xeografía, Socioloxía, etc. Tamén é de interese para os profesionais de turismo tanto dende o punto de vista da planificación e xestión de destinos como das empresas relacionadas coas actividades turísticas (investigación do mercado, servizos de consultoría, axencias de viaxes, etc.). Así, o curso pretende traballar para que Galicia e España sigan sendo punteiras a nivel mundial no sector do turismo, para o que é necesaria a permanente e constante actualización de profesionais que saiban como planificar os nosos recursos e servizos para construír produtos turísticos atractivos e que, ao mesmo tempo, repercutan no desenvolvemento socioeconómico sustentable das áreas receptoras. O curso ten lugar o xoves 16 e o venres 17 de xuño en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas e o prazo de matrícula é do 1 ao 13 de xuño, unha inscrición que debe formalizarse necesariamente a través da Universidade da Coruña. O prezo para persoas desempregadas e a comunidade universitaria da UDC é de 20 euros, mentres que para o público en xeral é de 35 euros. Ao remate, entregarase un diploma acreditativo no que figurarán 15 horas lectivas. Tamén está solicitado o recoñecemento dun crédito de libre configuración e a homologación á Consellería de Educación.

Os interesados e interesadas poden formalizar a matrícula dende esta nova, así como acceder ao programa completo de actividades en pdf.

Compartir: