Inicio Carballo ao día Hemeroteca As cachelas, o Anllóns, o Bosque, o baile,...

DO 22 AO 26 DE XUÑO

As cachelas, o Anllóns, o Bosque, o baile, o teatro, a música e o concerto de Chenoa enchen o programa do San Xoán 2011

Sábado 4 de xuño do 2011

Examinando o programa da Semana Grande máis polo miúdo, o pregón é o mércores 22 de xuño ás 22.00 horas e corre a cargo do músico Xabier Díaz. O Alcalde en funcións subliña que o pregón mantén o espírito de "recoñecer o labor profesional e a traxectoria de persoas que nos fan sentir orgullosos de ser carballeses". Neste caso, Xabier Díaz, voz de Nova Galega de Danza e do grupo Berrogüetto, simboliza, segundo Ferrero, o labor de todos os grupos de Carballo e Bergantiños dedicados á recuperación do folclore e da cultura popular galega. Despois do pregón, o día 22 comeza a primeira verbena coa Orquestra Standing, cita patrocinada polas atraccións das festas por primeira vez. A partir do mércores, e todos os días ata o domingo 26 haberá verbena na Praza do Concello, con orquestras tan coñecidas como a Philadelphia, Aché, Combo Dominicano, Marbella ou Players. O día 23 é o tradicional Concurso de Cachelas que reparte 1.650 euros en premios e subvencións. Até as 23.00 horas o xurado percorrerá as cachelas inscritas. O venres 24 é o día grande, coa misa solemne e verbena a partires das 22.30 horas. E o sábado 25 chega o XIV Descenso do Anllóns, que reparte 1.460 euros entre premios e subvencións, con saída no Bosque do Añón e chegada no Parque do Anllóns. O 1º premio está patrocinado por Cervexaría La Bombonera.

Xa pola noite, é a quenda do concerto de Chenoa. A popular artista, nacida en Arxentina e afincada en Mallorca, saltou á fama tralo paso en 2002 polo programa "Operación Triunfo". En Carballo cantará temas de todos os seus discos, e, especialmente, de "Desafiando la Gravedad", con 12 cancións nas que a artista mostra a súa madurez vocal e a súa faciana como autora, xa consolidada, e nas que teñen colaborado compañeiros como Gloria Trevi e Coti. Para a preparación deste disco, Chenoa traballou con produtores e músicos durante un ano, encontrando o equilibrio perfecto entre a súa faciana impetuosa e o seu lado máis romántico. Chenoa volve a sorprender despois dunha traxectoria consolidada e de visitar Carballo en 2002 na xira de "Operación Triunfo", naquela ocasión no antigo campo de fútbol e acompañada por David Bisbal. Despois do día grande, o San Xoán pecha unha vez máis coa Festa do Bosque. Antón Guitoi subliñou na rolda de prensa a necesidade de que en próximos anos as peñas que participan na festa se impliquen na súa organización, xa que nesta edición Os Larpeiros deixou esta tarefa e os labores recaeron na Comisión de Festas, que, aínda así, confía manter o espírito da cita, con actividades para cativos e cativas, o Concurso de Postres, a 117 edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel, a sesión vermú e o concerto nocturno despois dos fogos de artificio.

Cultura e deporte


O San Xoán tamén conta cunha importante parte dedicada exclusivamente á cultura e ao deporte. Comeza o domingo 5 de xuño co Día da Muiñeira da Asociación Cultural Nemeth que chega á súa XXX edición. O teatro tamén ten presenza, un ano máis, tanto profesional como afeccionado. No primeiro caso, cunha das mellores compañías galegas, CasaHamlet, que presenta "Hidalgo", unha cita patrocinada pola Deputación da Coruña. No segundo caso, o día 17 o segundo grupo da Aula Municipal de Teatro de Carballo presenta "Médico a paos". A música, con outros formatos distintos ao da verbena, tamén ten cabida no San Xoán. Neste caso coa presenta do Festival Mozart a través do Festival Express co Grupo Instrumental Siglo XX, un concerto de música clásica acompañado por un trío de danza. As bandas municipais colaboran co programa de festas como cada ano, coa presenza tamén da Banda Santiago de Arteixo, a Banda de Música Eduardo Pondal ou a Banda de Música de Cee. Hai que subliñar a presenza do grupo de rock The Cerne, que presenta o seu primeiro disco o día 1 de xullo no Pazo da Cultura coa colaboración de grupos como as Cantareiras de Berdillo. Pecha a programación musical a XV Mostra de Habaneras coa novidade da presenza do Coro Infantil de Voces Brancas da Coral Polifónica de Bergantiños, organizadora da cita.

No apartado artístico, a exposición colectiva dos artistas carballeses sube este ano a súa participación, con 18 creadores que mostran os seus traballos en torno á beleza. A inauguración é o xoves 16. O día 18 hai unha nova edición de Arte na Rúa coa colaboración de Xaquín Marín, Pinto e Leandro, e artistas e artesáns como Mon Lendoiro, Marilá, O'Mighelo ou Fernando Mourón. Por último, no apartado deportivo hai que mencionar moitas citas, como o Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo, a tradicional exhibición de taekwondo, o Autocross Bergantiños, o Día da Bicicleta, a Carreira Popular Concello de Carballo, a final do XX Torneo de Peñas ou a Carreira Ciclista Trofeo de San Xoán que organiza o Club Ciclista Carballo. A súa presidenta, Vanesa Loureiro, subliñou que está prevista a presenza duns 200 corredores de toda Galicia e quixo agradecer a oportunidade de que os membros do club asistan a esta proba para competir diante da súa xente. Por último, como cada ano, a Revista de San Xoán, coordinada por Xan Fernández, ponse á venda a partires do martes 7 de xuño no Museo de Bergantiños e na Ludoteca Municipal ao prezo simbólico de 2 euros.

Os interesados e interesadas poden consultar o programa de festexos ao completo ou o cartel gañador, en formato pdf nesta mesma nova.

Compartir: