Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicación do contrato de obra para a...

UN PROXECTO CUN ORZAMENTO DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS

Adxudicación do contrato de obra para a construción da Biblioteca de Carballo á empresa coruñesa Ogmios

Luns 6 de xuño do 2011

A nova Biblioteca de Carballo será un espazo público con soto, planta baixa e un andar, e numerosos servizos, ademais da almacenaxe e empréstito de libros. Así, contará con mediateca de audio e vídeo e unha zona pensada para os máis cativos e cativas para que os bebés poidan gatear, e incluso cunha área para cambiar os cueiros. Os adultos contarán cunha zona de hemeroteca con máquina de café, accesos a Internet e todos os elementos que fagan o lugar atractivo para desfrutar del. O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra. Ademais do espazo aberto de consulta e lectura, crearase unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais e para as actividades dun club de lectura. O edificio estará equipado coas últimas tecnoloxías, incluíndo detalles como a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ter acceso a videoxogos, cunha área de cómics e un espazo para literatura xuvenil. Está previsto que o acabado do edificio, rodeado por unha zona verde, se realice en pranchas verticais de cerámica.

Así mesmo, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación dos expedientes de contratación para o contrato de servizos de "Coordinación de seguridade e saúde da obra Biblioteca de Carballo. Rúa de Pontevedra, s/n" e para o contrato de servizos de "Dirección da obra Biblioteca de Carballo, Rúa de Pontevedra, s/n". No primeiro caso, o orzamento de contrata é de 11.800 euros, mentres que no segundo é de 48.616 euros. Durante a sesión tamén se revisou o canon 2011 de servizos municipais e o canon do servizo de limpeza viaria que recae en Aspaber. Autorizouse a concesión de catro vaos permanentes, un informe de apertura or actividade moilesta, dúas licenzas de obra, unha licenza de obra e apertura e unha licenza de parcelación para o lugar de Monte. Fóra da orde do día aprobouse o convenio para desenvolver o Curso de dinamización lingüística "Traballando en lingua" en colaboración coa Universidade da Coruña ou a dación de conta para a incorporación da Policía Local ao "Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero".

Compartir: