Inicio Carballo ao día Hemeroteca Talía Teatro, compañía...

A NOTA MEDIA DOS ESPECTÁCULOS FOI DE 4,15 SOBRE 5

Talía Teatro, compañía gañadora do Premio do Público do Outono de Teatro 2010 con "Volpone"

Luns 6 de xuño do 2011

O interese por parte dos espectadores na XIX edición do FIOT constátase así mesmo polo ritmo de venda de bonos e entradas, xa que os bonos que se venderon foron 160, e as entradas para algún dos espectáculos esgotáronse con 2 semanas de antelación á súa posta en escena. A este éxito de público contribuíu, así mesmo, a diversidade das obras presentadas, tanto desde o punto de vista dos formatos, como desde os xéneros teatrais, dos diferentes estilos ou das diferentes disciplinas escénicas, poñendo énfase tamén en presentar propostas que teñen a pretensión de renovar as linguaxes escénicas. Humor, comedia negra, linguaxe xestual, traxedia, música, e moito teatro de actor son outros referentes moi presentes. Ademais, nos últimos meses déronse a coñecer outros premios recibidos por compañías que formaron parte do programa do FIOT 2010. Así, despois dos premios MAX, "La función por hacer" de Kamikaze Producciones é considerada unha das máis importantes revelacións da pasada temporada a nivel nacional. Esta compañía madrileña realizou unha escenificación moi especial, cunha posta en escena hiperrealista e situando ao público en primeiro plano.

Os Premios Max de Teatro 2011, que se entregaron o luns 9 de maio en Córdoba, recoñeceron a "La funcíón por hacer" cos premios máis importantes para as artes escénicas de España: mellor espectáculo teatral, mellor adaptación teatral, mellor director de escena, mellor deseño de iluminación, mellor actor e actriz de reparto e mellor empresa ou produtor privado de artes escénicas. Outra das propostas, recoñecida tamén como o mellor espectáculo do ano, neste caso en Galicia, foi a coprodución do FIOT "Un cranio furado" da compañía Produccións Teatrais Excéntricas, que recibiu os Premios María Casares 2011 ao mellor espectáculo, á mellor adaptación-tradución, á mellor escenografía, ao mellor actor secundario e ao mellor actor protagonista. Este éxito ten un valor moi importante para o Festival Internacional de Outono de Teatro porque esta coprodución da man dunha das máis coñecidas compañías do panorama teatral galego, P. T. Excéntricas, supuxo para o FIOT un novo paso no seu compromiso co teatro. Neste caso, ademais, os membros da organización do festival acompañaron á compañía no acto de entrega de premios.

Neste momento, a organización do Festival Internacional Outono de Teatro está preparando unha edición moi especial, a número XX, e xa ten principiado a contratación de importantes compañías que esperamos dará a coñecer proximamente.

Compartir: