Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa Concilia e as Escolas Deportivas e...

DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO

O programa Concilia e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria colaboran por segundo verán consecutivo

Luns 13 de xuño do 2011

A Concelleira de Servizos Sociais en funcións, Dores Silveira, quixo subliñar que as familias que participan no Concilia durante todo o ano poderán continuar co servizo durante o verán grazas ás Escolas, xa que a maioría das familias non contan cos dous meses de vacacións cos que contan os cativos e cativas. Explica, así mesmo, que familias que durante todo o ano participan no programa de Educación Familiar, que trata de paliar as deficiencias presentadas nas familias, procurando a prevención de futuras dificultades e a integración social dos seus membros, teñen a posibilidade de participar nas Escolas de xeito gratuíto grazas á axuda do Concello. O 5 por cento da oferta das Escolas vai destinada a este programa. Dende as Escolas queren, así mesmo, agradecer a confianza depositada un ano máis para realizar este tipo de actividades, ademais de resaltar o amplo abano de posibilidades das actividades que se inclúen durante 5 días á semana e que unen cultura e deporte. Obradoiros de traballos manuais, teatro, informática ou inglés forman parte desta oferta, ademais de grupos de actividade deportiva adaptados para cada idade, incluíndo psicomotricidade para os máis cativos e cativas de 3 anos.

As escolas ofrecen, así mesmo, a posibilidade de anotarse durante dous meses (xullo e agosto) ou un único mes, ofrecendo descontos especiais para socios das Escolas de Balonmán Xiria e para os segundos irmáns/ás dunha mesma familia. O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, subliñou o feito de que a adxudicación do Concilia para as Escolas de Balonmán Xiria tense realizado a través dun proceso de contratación no que concorreron tres entidades, e que o servizo recaeu na mellor oferta. Mencionou a "traxectoria e prestixio recoñecido" destas escolas, "que son unha referencia" e resaltou a importancia de ofrecer a asociacións e entidades que "que fan un bo traballo no fomento do deporte" a oportunidade de xestionar este tipo de servizos "e ademais facelo de maneira excepcional". Manifestou a vontade do goberno de seguir apoiando iniciativas como esta para "que Carballo siga a ser un referente deportivo". O número máximo de inscritos é de 225 nenos e nenas, e hai que mencionar que o ano pasado cubríronse todas as prazas. Por último, tamén hai que apuntar que as Escolas Deportivas e Culturas Xiria cumpren este verán a maioría de idade coa edición número 18. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre os prezos, as condicións, as inscricións ou as actividades das Escolas Deportivas e Culturais Xiria, poden consultar o tríptico informativo nesta mesma nova, ademais da páxina web da entidade Balonmán Xiria.

Compartir: