Inicio Carballo ao día Hemeroteca Razo acolle o proxecto Surf na Escola en...

MARTES 22 DE XUÑO A PARTIRES DAS 15.30 HORAS

Razo acolle o proxecto Surf na Escola en Carballo, unha xornada gratuíta de ensinanza de surf para rapaces e rapazas

Xoves 7 de xullo do 2011

Juan José Rodríguez Hierro, Presidente da Federación Galega de Surf, entidade promotora da iniciativa, explica que o obxectivo desta actividade é o de potenciar un deporte que conta en Carballo cun enorme potencial debido á presenza da praia de Razo e que "está desaproveitado". Para Rodríguez, en toda a Costa da Morte, o surf "é unha mina que aínda non se explotou", polo que iniciativas como Surf na Escola serven para "darlle a posibilidade de surfear á xente". Dende Artsurfcamp, Pablo Rodríguez explica que na escola poden pasar arredor de 1.000 persoas ao longo de todo o verán polas instalacións de Razo, e destas persoas tan só un 5 por cento son do municipio. Para Rodríguez, Razo é unha praia ideal para a práctica do surf coñecida a nivel galego e nacional coa vantaxe de que "pais, nais, nenos e nenas que veñen de sitios como Madrid ou Barcelona levan sempren un bo recordo". Por iso, colaborando con estas iniciativas, esperan "animar á práctica do surf nas escolas tanto en verán como en inverno". Así mesmo, a intención é recuperar a tradición dunha praia que ten xerado deportistas de referencia e conseguir a creación dun equipo cos clubs de Carballo para poder competir no circuíto galego.

O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, quixo subliñar "as condicións de privilexio que ten Razo desde o punto de vista turístico e deportivo" polo que ten moitas posibilidades de "converterse nun punto de referencia para un deporte tan en contacto coa natureza como é o surf". Por último, desexou que sexa un éxito e que serva par xerar "novos valores na práctica do deporte". Os interesados e interesadas en obter máis información poden facelo a través de Facebook nas páxinas de empresa "Artsurfcamp. Surf en Razo", "SilfoSurfCamp" e "Teironsurf.com - Tienda de Surf". Os interesados e interesadas tamén poden consultar nesta mesma nova a páxina web da Federación Galega de Surf.

Compartir: