Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza a retirada por orde xudicial dos...

O MARTES 14 DE XUÑO A PARTIRES DAS 9.00 HORAS

Comeza a retirada por orde xudicial dos bidóns de pintura contaminantes atopados nas parroquias de Sísamo e Bértoa

Luns 13 de xuño do 2011

Os labores serán supervisados polas autoridades municipais con competencias en materia de obras e medio ambiente do Concello, que darán conta no xulgado competente das actuacións levadas a cabo, do volume e peso dos residuos e do custe da súa xestión e retirada. O Concello de Carballo espera reclamar no seu momento aos culpables o importe derivado dos labores de limpeza. Hai que lembrar que no mes de maio foi detido un construtor da zona, ademais de ser imputados outros dous veciños de Carballo e Malpica, acusados dun delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente. Os axentes do Seprona puideron apresar aos acusados a través das pistas atopadas nos propios botes dos vertedoiros. Tamén hai que subliñar que, a pesares de non ser retirados os restos até o de agora, non hai indicios de que teñan contaminado ningunha canle de auga nin que teñan suposto un perigo para a saúde das persoas. Dende o Concello queren deixar claro, así mesmo, que se non se actuou anteriormente para proceder á retirada destes residuos foi por orde expresa das autoridades de non tocar nada ata non ter a autorización xudicial pertinente. Unha vez en regra esta autorización, procédese a eliminar os restos. Hai que lembrar que no seu momento foi atopada unha grande cantidade de botes de pintura, decolorantes e outros elementos perigosos. O vertedoiro situado en Ramil foi atopado nunha zona que anteriormente tiña sido usado como vertedoiro de lixo, pero que leva anos limpo e inactivo.

Compartir: