Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas editan...

REPARTIRANSE UN TOTAL DE 8.000 EXEMPLARES

Carballo, Cabana, Malpica, Ponteceso e Zas editan unha guía con propostas de lecer en galego para rapaces e rapazas

Xoves 9 de xuño do 2011

Editoriais como Kalandraka, Galaxia, OQO, Baía, Faktoria K, Triqueta Verde, Patas de peixe, Galaxia ou Xerais, entre outras, ven reflectidas as súas obras na guía, na que se recollen autores tan variados como Manuel María, Agustín Fernández Paz, Lovecraft ou Murakami. Segundo explica o deputado en funcións responsable da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, esta iniciativa é un paso máis na política da Deputación de apoiar aos concellos na normalización lingüística e tamén no labor de traballo en rede que se ten creado entre os concellos e co organismo provincial. Esta colaboración xurdiu especialmente a raíz dun encontro celebrado no ano 2010 que deu como froitos no só a edición desta guía, senón a dun catálogo de "Agasallos de Nadal" en galego ou a dunha guía de enderezos de Internet titulada "Os meus favoritos". Sande subliña a necesidade da colaboración da Deputación para manter os 40 Servizos de Normalización Lingüística (SNL) que hai na provincia e confía en que o organismo provincial continúe apoiando este labor no futuro.

Na presentación da guía estiveron representantes dos SNL dos concellos participantes, así como o Alcalde de Zas en funcións, Manuel Muíño; e o de Carballo en funcións, Evencio Ferrero. O primeiro quixo felicitar aos técnicos pola iniciativa, mentres que o segundo subliñou a importancia de propostas como esta para "facer visible o traballo que se fai", e "ademais con menos diñeiro grazas á colaboración entre os concellos". "Este traballo en rede", asegura "sería algo que incluso debería trasladarse a outros aspectos da vida e a xestión municipal". Rematou desexando "un bo verán de lecer" para os cativos e cativas que sigan as recomendacións da guía, especialmente para manter "a lingua como patrimonio da sociedade, coa que todos os temos que sentir identificados".

Compartir: