Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VII Curso sobre Normalización...

NO PAZO DA CULTURA ENTRE O 20 E O 22 DE XULLO

O VII Curso sobre Normalización Lingüística da UDC propón un espazo de debate real sobre a lingua

Luns 20 de xuño do 2011

Os obxectivos deste curso son reflexionar sobre a incidencia do(s) discurso(s) na situación social da lingua, analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística, revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación e avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade e/ou necesidade de reformulación. Respecto do programa, o curso principia o mércores 20 cun relatorio de José María Sánchez Carrión, "Txepetx", sociolingüista vasco, no que presentará propostas de discursos e argumentos integradores para a normalización lingüística. A continuación, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falará sobre a dignificación das palabras que nos pertencen, como é o caso do termo "normalización". Pola tarde, o técnico de normalización Iván Méndez realiza unha panorámica sobre os marcos e discursos sobre a lingua, e péchase o día con grupos de traballo sobre a construción de discursos para a promoción da lingua.

Fermín Bouza

O segundo día de curso, o xoves 21, comeza cun relatorio de Celso Álvarez Cáccamo, profesor da Universidade da Coruña, co título "Para a hexemonía social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas". A continuación, traballarase en grupos sobre a construción do discurso e, xa pola tarde, o sociólogo Fermín Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. A continuación, a psicóloga valenciana Gemma Sanginés fará un obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro do profesor Valentim R. Fagim sobre o coñecemento e a importancia do portugués. O día remata coa representación de Pelos na lingua, de Talía Teatro, obra teatral de grande éxito sobre a realidade lingüística de Galicia e que foi estreada no mes de febreiro en Carballo. O último día do curso, o venres 22 , a psicóloga valenciana Gemma Sanginés repetirá o obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro de Manuel Núñez Singala, escritor e director de normalización da Universidade de Santiago de Compostela, sobre os prexuízos lingüísticos. A continuación leranse as conclusións xerais dos grupos de traballo e da conferencia de clausura encargarase o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e técnico de normalización do Concello de Carballo, Nel Vidal, que falará sobre unha posible guía de estilo para a política lingüística.


Tamén hai que mencionar o desenvolvemento de actividades paralelas, como a representación do espectáculo "Pelos na lingua", da compañía ceense Talía Teatro, obra teatral de grande éxito sobre a realidade lingüística de Galicia e que xa foi estreada no mes de febreiro en Carballo. O Reitor da UDC quixo subliñar especialmente a intervención do sociólogo Fermín Bouza, "unha das presenzas máis interesantes" e un coñecido estudoso da lingua e de actitudes político sociais sobre a lingua. Tamén mencionou a importancia de que o curso inclúa visións de fóra, dende Portugal, País Vasco ou Madrid. Pola súa banda, o Alcalde de Carballo en funcións quixo agradecer a confianza da UDC que vén de celebrar un curso de turismo no Pazo da Cultura e que un ano máis aposta porque "Traballando en lingua" se celebre na vila. Por último, desexou que os participantes na actividade desfruten de Carballo, da Costa da Morte e da lingua galega. Os interesados e interesadas poden consultar o programa polo miúdo nesta mesma nova.

Compartir: