Inicio Carballo ao día Hemeroteca As cachelas, Chenoa, as verbenas, o descenso do...

DO 23 AO 26 DE XUÑO

As cachelas, Chenoa, as verbenas, o descenso do Anllóns e a Festa do Bosque: protagonistas na Semana Grande de San Xoán

Xoves 23 de xuño do 2011

E este ano, o sábado 25 é o día grande, con varias das citas máis esperadas do programa. No deportivo, hai que mencionar a Carreira Ciclista Trofeo de San Xoán, ás 16.30 horas. A cita, con saída e chegada no Pazo da Cultura, supón a celebración de probas en categorías alevín, infantil, principiante e cadete e da única proba en toda Galicia para mulleres, cunha participación prevista de arredor de 200 corredores; así mesmo, ás 19.00 horas As Eiroas acolle a final do XX Torneo de fútbol de Peñas. No musical, a orquestra Marbella animará ao público da Praza do Concello antes e despois do gran concerto de Chenoa, previsto para as 00.30 horas. A popular artista, nacida en Arxentina e afincada en Mallorca, saltou á fama tralo paso en 2002 polo programa "Operación Triunfo". Chenoa volve a sorprender co disco "Desafiando la gravedad" despois dunha traxectoria consolidada e de visitar Carballo en 2002, naquela ocasión acompañada por David Bisbal e dentro da xira do concurso de TV. Agora presenta un traballo de madurez, con baladas románticas e temas con moita forza que explotan o mellor da súa potente voz. Para a preparación do seu último disco, Chenoa ten traballado durante un ano con produtores e músicos, experimentando con distintos estilos e sons e encontrando o equilibrio entre a súa faciana máis impetuosa e o seu lado máis romántico. Os seus incondicionais desfrutarán de todo o seu repertorio e grandes e pequenos poderán tamén entonar no concerto os seus grandes éxitos.Un total de 266 participantes no Descenso do AnllónsE no apartado lúdico, o sábado 25 ás 18.00 horas ten lugar a edición número XIV do Descenso do Anllóns, no que están inscritas 40 balsas e un total de 266 participantes. A saída é no bosque do Añón (Ponte de Bértoa) e a chegada no Parque do Anllóns, onde grazas á colaboración de Carrefour entregarase un refrixerio aos participantes. Ademais, entregaranse subvencións ás 25 primeiras embarcacións inscritas e o 1º premio de 200 euros, está patrocinado pola Cervexería A Bombonera. Durante todo o descenso haberá a animación musical da charanga Ruada.com. Por fin, o domingo 26 chega unha das citas máis importantes do San Xoán, a Festa do Bosque. O Bosque do Añón convértese no espazo en que os carballeses e carballesas desfrutan coa familia e os amigos dun amplo programa de actividades para todas as idades. As actuacións musicais comezan na sesión Vermú co grupo Trastes; pola tarde, toca o Grupo de Gaitas de San Cristovo; e a partir das 20.00 horas O tren da unha, Alfeicer e Tonhito de Poi encadean actuacións ata despois dos fogos de artificio. Ademais, non hai que esquecer o tradicional Concurso de Postres, ás 16.30 horas, e a 117ª edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel. O peche oficial das Festas de San Xoán é ás 00.00 horas, cos fogos de artificio na Agra da Lagoa a cargo de Pirotecnia Rocha. E os más festeiros tamén teñen verbena a partir das 22.30 horas coa Orquestra Philadelphia na Praza do Concello.

Os interesados e interesadas en consultar todo o programa de festas ao completo poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: