Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 80 pilotos participan na cuarta...

ENTRE O 1 E O 3 DE XULLO

Máis de 80 pilotos participan na cuarta proba do Campionato de España de Autocross que se celebra no Circuíto carballés

Luns 27 de xuño do 2011

O Alcalde en funcións, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Deporte en funcións, Marcos Trigo, quixeron agradecer a confianza depositada en Carballo para continuar celebrando unha proba deste tipo, e subliñaron a capacidade de convocatoria da cita, que o ano pasado congregou nas finais a arredor de 3.000 persoas. Así mesmo, dende Escudería Coruña resaltaron o feito de que a cita congrega a todos os pilotos de máis alto nivel que compiten nestes momentos no Campionato de España. Tamén mencionaron as variacións introducidas recentemente no trazado do Circuíto que o fan moito máis espectacular. O piloto Perfecto Calviño, que compite na División I, salientou o incremento que estas moficacións supoñen na velocidade dos vehículos, así como na facilidade para adiantar, coa supresión das curvas 4 e 5 e a variación da curva 7. O tratamento recibido polo firme tamén permite unha maior seguridade. As reformas inclúen elevar a altura dos valados para protexer mellor ao público, ou a inclusión de bancadas para os espectadores. En canto á presenza de pilotos galegos, Iago Caamaño é o primeiro clasificado na categoría de Carcross, así que ten posibilidades de victoria. O mesmo ocorre con Perfecto Calviño, terceiro na División I, ou con Ángel Pérez, na División II-A. Nestas tres categorías, a escudería considera que pode haber un campión galego a final de temporada, despois da sexta e última proba.

Por último, desde a Escudería Coruña subliñan a idoneidade do Circuíto para este tipo de probas, especialmente porque desde a practica totalidade dos puntos do Circuíto pode observarse o trazado ao completo, o que permite desfrutar ao máximo da proba. Hai que lembrar, así mesmo, que até o martes pola tarde está aberto o prazo de inscrición, polo que o número de pilotos participantes aínda pode incrementarse. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden consultar a web de Escudería Coruña. Así mesmo, pode descargarse o cartel anunciador da proba nesta mesma nova en formato pdf.

Compartir: