Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra a III Ruta do Pincho de...

SORTEARASE UNHA ESTANCIA PARA DÚAS PERSOAS EN MAR DE QUEO

Carballo celebra a III Ruta do Pincho de Verán entre o sábado 9 e o domingo 31 de xullo

Martes 5 de xullo do 2011

En canto ás características dos pinchos, as bases, unha vez máis, especifican que serán necesariamente de elaboración propia e só se admitirán as receitas que se poidan servir ou elaborar como tapa, non admitíndose aquelas que poidan entenderse como pratos ou racións. Deberán realizarse receitas temáticas e creativas e cunha presentación coidada. Cada establecemento colaborador presentará un pincho distinto cada día de celebración do evento, que deberá anunciarse no local. Así mesmo, outra das novidades desta edición é que a última fin de semana de xullo os pinchos estarán dedicados á temática do Apóstolo, coincidindo coas celebracións na honra do patrón de Galicia. Os locais hostaleiros de Carballo teñen acollido até o momento catro Rutas do Pincho, dúas en verán e dúas en inverno, en todos os casos cunha notable participación de público. O obxectivo desta iniciativa é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade usualmente ligada ás feiras dos quintos domingos de mes. Respecto dos Feiróns de Tempada, celébranse dende o ano 2008 cando o Concello, en colaboración cos diversos sectores empresariais da zona, decidiu promover os catro Feiróns que se celebran ao longo do ano, que xeralmente coinciden coas estacións de Primavera, Verán, Outono e Inverno. Así, coincidindo co mercado dos quintos domingos de mes, os visitantes poden coñecer a oferta agroforestal, comercial e industrial das empresas do municipio e desfrutar dela.

Os interesados e interesadas poden consultar as bases do sorteo da III Ruta do Pincho de Verán nun documento en pdf, así como o tríptico informativo da ruta e o cartel anunciador, nesta mesma nova.

Compartir: