Inicio Carballo ao día Hemeroteca O nacionalista Evencio Ferrero resulta reelixido...

A CORPORACIÓN CONTA CON 8 CARAS NOVAS

O nacionalista Evencio Ferrero resulta reelixido Alcalde de Carballo co apoio dos concelleiros do BNG e do PSOE

Venres 1 de xullo do 2011

O resto de delegacións de Goberno que rexerán as competencias do Concello durante os próximo catro anos son as seguintes: Luís Lamas Álvarez dirixirá e xestionará as áreas de Obras, Servizos e Medio Rural, incluíndo alumeado, recollida de lixo, limpeza viaria, cemiterio, parques e xardíns; Belén Lendoiro Esmorís xestionará as áreas de Facenda, Patrimonio, Participación Social e Festas; José Regueira Varela dirixirá ás áreas de Xestión Municipal e Normalización Lingüística, incluíndo persoal, réxime interior, policía, tráfico, seguridade e protección civil; María del Mar Eirís Villar xestionará as áreas de Educación e Cultura; Marcos Trigo Facal asumirá a dirección das áreas de Deporte, Medio Ambiente, Formación e Emprego; Silvana Castro García xestionará as áreas de Igualdade, Benestar e Mocidade; Xosé Manuel García Guillín levará as áreas de Promoción Económica e Contratación; e por último, delégase na concelleira María del Carmen Regueira Baldomir a xestión das áreas de Sanidade e Terceira Idade. Nome a nome, a nova corporación carballesa queda constituída como segue: por parte do PSOE, José Antonio Viña Patiño; por parte de Terra Galega, Manuel Andrade (nº 1 da lista) e Estefanía Canosa (2), que se estrea como concelleira; por parte do PP, continúan Alberto Sueiro (1), Margarita Varela (4), Juan Carlos Castro(6) e Ramón Antelo (7), mentres que son caras novas Miguel Ángel Ferreiro (2), Aurelio Núñez Centeno (3), Bibiana Bértoa (5) e José Lado (8); por último, do BNG seguen Evencio Ferrero (1), Luís Lamas (3), Belén Lendoiro (4), María del Mar Eirís (6), Marcos Trigo (7), Xosé Manuel García Guillín (9) e María del Carmen Regueira (10), estreándose neste mandado Milagres Lantes (2), Xosé Regueira (5) e Silvana Castro (8). O novo Goberno tamén espera ultimar as retribucións e as dedicacións coa maior celeridade posible.

Por último, nos próximos 30 días hábiles (aínda que os voceiros municipais esperan que este trámite estea listo antes do 11 de xullo) está previsto que se celebre unha sesión extraordinaria para establecer a organización da nova corporación, estipulándose asuntos como a periodicidade das sesións ordinarias do pleno; a creación e composición das comisións informativas; o nomeamento dos representantes da corporación nos órganos colexiados que sexan da competencia do pleno; a dación de conta oficial por parte do Alcalde do nomeamento da Tenente de Alcalde; a composición da Xunta de Goberno Local; a designación dos presidentes das comisións informativas ou a formalización das delegacións de Alcaldía dadas a coñecer tras o pleno de toma de posesión. Ao longo dos últimos días os voceiros dos distintos grupos municipais, José Antonio Viña, Manuel Andrade, Alberto Sueiro e Xosé Regueira, xunto co Alcalde Evencio Ferrero, mantiveron conversas para decidir estas cuestións. Algúns dos acordos que teñen transcendido son o mantemento das sesións plenarias ordinarias os últimos luns de cada mes ás 20.30 horas, a constitución de catro comisións informativas, Urbanismo, Facenda, Promoción económica e obras e Réxime interior, seguridade, educación e cultura. Así mesmo, acordouse a redución dun 10 por cento nas asignacións para os grupos municipais e manter o importe das dietas de asistencia. En todo caso, haberá que esperar á celebración do pleno de organización para confirmar oficialmente estas medidas.

Compartir: