Inicio Carballo ao día Hemeroteca The Cerne e a tradicional Mostra de Habaneras...

VENRES 1 E SÁBADO 2 DE XULLO ÁS 21.00 HORAS

The Cerne e a tradicional Mostra de Habaneras poñen o peche definitivo ao programa de San Xoán

Xoves 30 de xuño do 2011

A segunda cita da fin de semana é a XV Mostra de Habaneras que, tradicionalmente, pecha cada ano o San Xoán. Organizada pola Coral Polifónica de Bergantiños, o sábado 2 de xullo ás 21.00 horas o auditorio do Pazo da Cultura escoitará, ademais do repertorio dos anfitrións, as propostas musicais da Agrupación Coro Minero de Turón (Asturias); e da Coral Casino Mugardés. A novidade deste ano é a participación do Coro Infantil de Voces Brancas. A Coral Polifónica de Bergantiños nace en Carballo no ano 1969 ao amparo do antigo 'teleclub', baixo a dirección do cura de Carballo Don Jaime Rodríguez Valcárcel. Ao pouco tempo toma a dirección Don Manuel Rodríguez Rodríguez, con quen a coral crece en formación musical e tamén en número de compoñentes, iniciando unha etapa de auténtica expansión. Ao longo da súa historia actou en cada vila ou cidade da xeografía galega e levou a cabo gravacións para a Radio Galega e para varios programas da Televisión de Galicia. No ano 2007 créase o coro de voces brancas, ilusionante iniciativa xurdida dunha colaboración coa parroquia de San Xoán Bautista.

Pola súa banda, The Cerne é unha agrupación que se forma a finais do ano 2005, coa intención de lembrar vellos tempos musicais unindo a uns amigos que formaran parte dalgún dos grupos pioneiros do pop-rock en Carballo (Helium, Odio, Trámites, Distrito 15100, Meigasfora, etc.). A idea era pasalo ben ensaiando unha serie de temas versionados de grupos do agrado dos compoñentes para, pouco a pouco, ir introducindo temas propios. Algunhas das súas influencias son Dire Straits, Gary Moore, The Police, Pink Floyd e outros moitos máis. Esperan conseguir que o venres o público carballés desfrute cos seus novos temas e tamén coa fusión de estilos coas Cantareiras ou a Orquestra de Melide. Tanto no caso da Mostra de Habaneras como no concerto de The Cerne, a entrada é de balde ata completar o aforo.

Compartir: