Inicio Carballo ao día Hemeroteca Música, circo, maxia, teatro, libros e...

PRIMEIRA CITA: VENRES 8 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

Música, circo, maxia, teatro, libros e cine conforman o programa do Verán Cultural 2011

Mércores 6 de xullo do 2011

O circo é unha novidade no programa, que conta con actuacións de artistas como Susana Seivane, que visita Carballo unha vez máis co seu virtuosismo e a súa maneira excepcional de entender a gaita. Ou de grupos como Sondeseu, que visitan a vila por primeira vez para presentar o seu último traballo "Barlovento". Unha das propostas máis orixinais é a de Sisters in the house, 18 voces femininas galegas procedentes de estilos tan diferentes como o folk, a fusión, o soul ou o jazz. Interpretarán tema versionados de artistas como Stevie Wonder, The Beatles, Michael Jackson ou Beyoncé, nunha aposta novedosa e sorprendente que seguro que anima ao público carballés. No apartado musical non hai que esquecer o Festival Sereas e Piratas que chega xa á súa sexta edición coa novidade de incluír unha Concentración de Longboard e Longskate ademais dunha sesión vermú con churrascada. Por último, o xoven artista galego Roi Casal presenta o seu último disco, "Maxicamente vello", que está a ter unha boa acollida de crítica e público ao igual que o seu primeiro traballo, "Lendas douradas".

Maxia e teatro

No apartado teatral a Aula de Teatro da Universidade de Murcia Las huellas de la Barraca presenta o clásico "El caballero de Olmedo". É a segunda ocasión na que esta aula visita a vila, un proxecto escénico creado pola Sociedad Española de Conmemoraciones Culturales que pretende rescatar o espírito da célebre compañía creada por Federico García Lorca. Talía teatro tamén contribúe ao Verán Cultural, neste caso con "Pelos na lingua", unha proposta humorística sobre o uso do galego que xira ao redor de dez sketches e que encherá o auditorio do Pazo da Cultura. Xa para os máis cativos e cativas Os sete magníficos + 1 presentan "Dous pallasos en apuros", unha versión do clásico "Don Quijote de la Mancha" en clave de clown e humor. A maxia non falta nunca no Verán Cultural, unha proposta que conta sempre con moito éxito entre pequenos e grandes. Desta volta o Mago Martín Camiña pesenta "Feitizo", un espectáculo que conta coa complicidade do público e moitas doses de emoción. O Mago Dani García céntrase nos nenos e nenas con "Do Gelati", unha comedia en clave de maxia.


Por último, non hai que esquecer a Praza dos Libros, a finais do mes de agosto. Serán catro días de contacontos, música, monicreques, libros, maxia e presentacións que encherán de imaxinación e creatividade o xardín municipal. E o peche do programa, dedicado ao floclore da man da Asociación Cultural e Xuvenil Arume con "De ruada ao serán. Espectáculo etnográfico", no que recompilan bailes e música que van dende a Costa da Morte ata as montañas do Courel ou Pontevedra. Entre as actividades paralelas do programa tamén hai que subliñar a exposición "A beleza", que recolle obras de creadores carballeses e bergantiñáns; o VII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "(Re)pensando o discurso", ou as Noites de cine, que percorrerán as parroquias carballesas en 19 sesións con títulos como "Avatar", "Eclipse" ou "Luna nueva".

Os interesados e interesadas poden consultar o programa ao completo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: