Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo obtén 2,9 millóns de euros...

"PROXECTO ANLLÓNS-BARDOSO. POSTA EN VALOR DOS RÍOS"

Carballo obtén 2,9 millóns de euros de fondos europeos para ampliar e mellorar o subministro de auga potable

Xoves 7 de xullo do 2011

O prazo de execución para os proxectos incluídos nestas axudas remata en decembro de 2013, mentres que o financiamento das actuacións pode ser plurianual. Para o desenvolvemento do "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" o Concello de Carballo debe achegar o 30 por cento do orzamento, para o que, con toda probabilidade, está previsto recorrer a un crédito. A proposta do Concello de Carballo é unha das seleccionadas entre as 134 que se presentaron en toda España, sendo aceptadas un total de 63. A solicitude foi aprobada na Xunta de Goberno Local celebrada o 28 de marzo deste ano. É a segunda ocasión na historia do Concello en que Carballo consegue axudas europeas de xeito directo, despois dos fondos que teñen servido para o desenvolvemento do proxecto Fórum. Neste caso as axudas teñen como obxectivo cohesionar o territorio a través de proxectos integrados de rexeneración urbana e rural, reforzando a participación cidadá na xestión dos asuntos públicos e na mellora dos servizos locais, todo no marco da cooperación do Estado coas entidades locais para a mellora da calidade de vida, a creación de emprego, o desenvolvemento económico e a cohesión económica e social no ámbito local. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional reparte en toda España na convocatoria de 2011 un total de 262.409.795,24 euros para cofinanciar proxectos de desenvolvemento local e urbano.

Compartir: