Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno saca adiante as retribucións dos...

REDÚCESE O GASTO NUN 27 POR CENTO RESPECTO DE 2007

O Goberno saca adiante as retribucións dos cargos da corporación co apoio do grupo socialista

Martes 12 de xullo do 2011

Ao longo da sesión debatéronse outros asuntos, como a constitución das comisións informativas permanentes. Neste caso, a proposta do BNG era a de formar catro para tratar os asuntos do pleno: Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Urbanismo e Medio Rural; Benestar e Participación Social; e de Promoción Económica, Obras, Medio Ambiente e Servizos. Cada unha das comisións tería un total de sete membros: tres do BNG; dous do PP; un de TEGA; e un do PSOE. Finalmente, saíu adiante cos votos en contra do BNG unha emenda do PP pola que 3 das comisións contarán con 9 membros: catro do BNG; tres do PP; un de TEGA; e un do PSOE; e a de Urbanismo e Medio Rural, contaría con sete membros tal e como propuxera o grupo de Goberno nun principio. Así mesmo, houbo discrepancias nas asignacións mensuais para os grupos políticos. A proposta do grupo de Goberno era de manter 50 euros mensuais, mentres que finalmente saíu adiante que sexa de 100 euros ao mes. Por último, outro dos asuntos de debate foi a periodicidade das sesións ordinarias do pleno. Fronte á proposta do BNG de non celebrar a sesión de agosto, o PP esixiu que se celebrasen doce sesións ordinarias ao ano, unha por cada mes incluído o de agosto. Finalmente, o grupo de Goberno presentou unha moción na que se estipula que, dado que o mes de agosto é un mes de inactividade nas administracións públicas, o pleno ordinario do mes de agosto pase a celebrarse o primeiro luns de setembro, manténdose así as 12 sesións. Esta proposta saíu adiante co apoio do PSOE.

Respecto do resto dos aspectos da sesión organizativa, oficializouse a constitución dos grupos políticos, que queda establecida do seguinte xeito: o BNG conta con Xosé Regueira como voceiro e como 1º suplente Xosé Manuel García Guillín; o voceiro do PP será Alberto Sueiro con Juan Carlos Castro como suplente; en TEGA o voceiro é Manuel Andrade con Estefanía Canosa como suplente; e o voceiro do PSOE é José Antonio Viña Patiño. Respecto das retribucións e indemnizacións dos membros da corporación, mantense a redución dun 10 por cento estipulada no anterior mandato, sendo de 90 euros por asistencia a pleno -cun suplemento de 45 euros para a oposición e os concelleiros delegados-, 60 euros por Xunta de Goberno Local, e 65 euros por comisións informativas, máis un suplemento de 45 euros para os concelleiros delegados nestes últimos casos. Así mesmo, estipúlanse 90 euros por día para a delegación da Alcaldía. Hai que subliñar que estas dietas só son aplicables para aqueles concelleiros que non teñen dedicación exclusiva ou parcial. A Xunta de Goberno Local contará á súa vez cos seguintes membros: como presidente, Evencio Ferrero Rodríguez; e como vogais, Milagros Lantes Seara, Luis María Lamas Álvarez, Belén Lendoiro Esmorís, Xosé Regueira Varela, María Mar Eirís Villar e Xosé Manuel García Guillín. Por último, acordouse a representación da corporación en órganos colexiados, como o Padroado Deportivo Municipal, os consellos escolares de todos os centros do municipio, a Mesa de Negociación, a Xunta Local de Seguridade -que por primeira vez ábrese ao grupo maioritario da oposición-, a Mesa de Comercio, etc.

Compartir: