Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno carballés propón reducir...

SERÍAN CINCO DEDICACIÓNS PARA O ALCALDE E CATRO CONCELLEIROS

O Goberno carballés propón reducir un 27 por cento as retribucións dos cargos da corporación respecto a 2007

Venres 8 de xullo do 2011

No que respecta a outros asuntos que se abordarán na sesión plenaria extraordinaria do luns, respecto da constitución dos grupos políticos, queda establecida do seguinte xeito: o BNG conta con Xosé Regueira como voceiro e como 1º suplente Xosé Manuel García Guillín; o voceiro do PP será Alberto Sueiro con Juan Carlos Castro como suplente; en TEGA o voceiro é Manuel Andrade con Estefanía Canosa como suplente; e o voceiro do PSOE é José Antonio Viña Patiño. Respecto das asignacións aos grupos políticos, baixa un 10 por cento respecto do mandato anterior, sendo de 50 euros, ademais de 135 euros por concelleiro ao mes. A proposta para a periodicidade das sesións plenarias ordinarias é o último luns de cada mes ás 20.30 horas, agás no mes de agosto. O PP ten solicitado un informe aos servizos de Secretaría sobre a legalidade de non celebrar sesións en agosto, e ese punto do acordo queda a expensas do estipulado polos servizos xurídicos. No que respecta ás comisións informativas, proponse a presenza de catro para tratar os asuntos do pleno: Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Urbanismo e Medio Rural; Benestar e Participación Social; e de Promoción Económica, Obras, Medio Ambiente e Servizos. Cada unha das comisións tería un total de sete membros: tres do BNG; dous do PP; un de TEGA; e un do PSOE. Nas conversas previas á elaboración das propostas, rexeitouse a do BNG de contar con tres comisións de 11 membros.

Respecto dos representantes da corporación en órganos colexiados, no caso do Padroado Deportivo Municipal o Alcalde sería o presidente, mentres que o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, sería o representante do BNG, ademais da representación de outros grupos da corporación. Haberá, así mesmo, membros da corporación nos consellos escolares de todos os centros do municipio, así como na Mesa de Negociación, en que estará, polo BNG, Xosé Regueira como Concelleiro de Xestión Municipal. Por primeira vez abrirase a Xunta Local de Seguridade ao grupo maioritario da oposición, neste caso o PP. Polo BNG estarán, ademais do Alcalde, a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; e o Concelleiro de Réxime Interior, Xosé Regueira. Tamén haberá representación na Mesa de Comercio ou no Fondo Galego de Cooperación. Noutros moitos organismos, como o GAC, o Pacto do Emprego, NovaCaixaGalicia, etc., o Alcalde, Evencio Ferrero, será o que acuda en representación do Concello. Respecto das retribucións e indemnizacións dos membros da corporación, mantense a redución dun 10 por cento estipulada no anterior mandato, sendo de 90 euros por asistencia a pleno -cun suplemento de 45 euros para a oposición e os concelleiros delegados-, 60 euros por Xunta de Goberno Local, e 65 euros por comisións informativas, máis un suplemento de 45 euros para os concelleiros delegados nestes últimos casos. Así mesmo, estipúlanse 90 euros por día para a delegación da Alcaldía. Hai que subliñar que estas dietas só son aplicables para aqueles concelleiros que non teñen dedicación exclusiva ou parcial.

Compartir: