Inicio Carballo ao día Hemeroteca A empresa Ogmios e o Concello formalizan o...

O ORZAMENTO DE LICITACIÓN É DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS

A empresa Ogmios e o Concello formalizan o contrato para a construción da Biblioteca de Carballo

Venres 15 de xullo do 2011

Ogmios tamén adquiriu o compromiso de acometer as melloras sen custo adicional que recolle o prego de condicións e que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. Entre elas hai que subliñar as relativas ás cualidades e acabados ou a servizos como alarmas, mobiliario, lámpadas, proxectores ou monitores de televisión. A nova Biblioteca de Carballo será un espazo público con soto, planta baixa e un andar, e numerosos servizos, ademais da almacenaxe e empréstito de libros. Así, contará con mediateca de audio e vídeo e unha zona pensada para os máis cativos e cativas para que os bebés poidan gatear, e incluso cunha área para cambiar os cueiros. Os adultos contarán cunha zona de hemeroteca con máquina de café, accesos a Internet e todos os elementos que fagan o lugar atractivo para desfrutar del. O soto estará destinado a arquivo, e os outros dous andares albergarán a zona de uso para os veciños e veciñas. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra. Ademais do espazo aberto de consulta e lectura, crearase unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais e para as actividades dun club de lectura. O edificio estará equipado coas últimas tecnoloxías, incluíndo detalles como a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ter acceso a videoxogos, cunha área de cómics e un espazo para literatura xuvenil. Está previsto que o acabado do edificio, rodeado por unha zona verde, se realice en pranchas verticais de cerámica.

Compartir: