Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VII Curso de verán sobre...

DO 20 AO 22 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO

O VII Curso de verán sobre dinamización lingüística procura a eficiencia do discurso a prol da lingua galega

Martes 19 de xullo do 2011

A continuación, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falará sobre a dignificación das palabras que nos pertencen, como é o caso do termo "normalización". Pola tarde, o técnico de normalización Iván Méndez fará unha panorámica sobre os marcos e discursos sobre a lingua, e pecharase o día con grupos de traballo sobre a construción de discursos para a promoción da lingua. O segundo día de curso, o xoves 21, comeza cun relatorio de Celso Álvarez Cáccamo, profesor da Universidade da Coruña, co título "Para a hexemonía social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas". A continuación traballarase en grupos sobre a construción do discurso e, xa pola tarde, o sociólogo Fermín Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. A continuación, a psicóloga valenciana Gemma Sanginés fará un obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro do profesor Valentim R. Fagim sobre o coñecemento e a importancia do portugués.

O día remata coa representación de "Pelos na lingua", de Talía Teatro, obra teatral de grande éxito sobre a realidade lingüística e que foi estreada no mes de febreiro en Carballo. A esta representación pode asistir o público que o desexe, con entrada libre e gratuíta, sen necesidade de reserva. Será o xoves 21 ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. O último día do curso, o venres 22, a psicóloga valenciana Gemma Sanginés repetirá o obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro de Manuel Núñez Singala, escritor e director de normalización da Universidade de Santiago de Compostela, sobre os prexuízos lingüísticos. A continuación leranse as conclusións xerais dos grupos de traballo e da conferencia de clausura encargarase o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e técnico de normalización do Concello de Carballo, Nel Vidal, que falará sobre unha posible guía de estilo para a política lingüística.

Os interesados e interesadas poden consultar o programa ao completo nesta mesma nova.

Compartir: