Inicio Carballo ao día Hemeroteca O VII Curso de Verán sobre...

DO 20 AO 22 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO

O VII Curso de Verán sobre dinamización lingüística defende un discurso eficiente e un papel activo a prol da lingua galega

Mércores 20 de xullo do 2011

Durante o acto de apertura, tamén se reflexionou sobre unha época "na que se poñen en cuestión adquisicións que considerabamos inamovibles" e na que hai que "ser críticos e autocríticos coas políticas habituais de normalización", en verbas de Carlos Amoedo. Quixo tamén recoñecer a calidade do programa. "Creo que o panel de intervencións é óptimo para dar lugar a un debate participativo e eficaz", resalta. Dende a UDC tamén quixeron agradecer o traballo feito até o de agora pola Deputación da Coruña para impulsar estas xornadas, especialmente ao responsable até o de agora da área de Normalización do organismo provincial, Xoán Sande. Por último, Goretti Sanmartín desexou que o discurso de normalización siga en expanxión "en tempos en que a homoxeneidade, o reducionismo e a globalización parece que queren rematar coa diversidade lingüística". Respecto do nivel de asistencia a este VII Curso de verán, a organización admite que houbo "unha pequena caída na participación", especialmente a causa da crise laboral, pero Sanmartín tamén avanzou que este ano, por primeira vez, editaranse tanto en papel como en formato dixital os relatorios e as conclusións deste curso co obxecto de facilitar a súa difusión. No que respecta ás conferencias, o curso comezou cun relatorio de José María Sánchez Carrión, "Txepetx", un invitado que na UDC tentan traer ás xornadas dende a súa primeira edición e co que finalmente se puido contar no programa. A continuación, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falou sobre a dignificación das palabras que nos pertencen, como é o caso do termo "normalización".

Pola tarde, ao técnico de normalización Iván Méndez tócalle facer unha panorámica sobre os marcos e discursos sobre a lingua, e o día pecha con grupos de traballo sobre a construción de discursos para a promoción da lingua. O segundo día de curso, o xoves 21, comeza cun relatorio de Celso Álvarez Cáccamo, profesor da Universidade da Coruña, co título "Para a hexemonía social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas". A continuación traballarase en grupos sobre a construción do discurso e, xa pola tarde, o sociólogo Fermín Bouza, da Universidade Complutense de Madrid, falará sobre marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. A continuación, a psicóloga valenciana Gemma Sanginés fará un obradoiro de espazo lingüístico individual, que será simultáneo a outro do profesor Valentim R. Fagim sobre o coñecemento e a importancia do portugués. O día remata coa representación de "Pelos na lingua", de Talía Teatro, obra teatral de grande éxito sobre a realidade lingüística e que foi estreada no mes de febreiro en Carballo. A esta representación pode asistir o público que o desexe, con entrada libre e gratuíta, sen necesidade de reserva. Será o xoves 21 ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Os interesados e interesadas poden consultar o programa ao completo do VII Curso de Verán sobre Normalización Lingüística da Universidade da Coruña nesta mesma nova nun documento en pdf.

Compartir: