Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do convenio...

O MINISTERIO DE FOMENTO ACHEGA 500.000 EUROS PARA O PROXECTO

O pleno aborda a aprobación do convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

Venres 22 de xullo do 2011

A actuación para a mellora da contorna do mercado municipal recolle que ámbalas dúas rúas, a Gran Vía e a Desiderio Varela, conten con contenerización soterrada, ademais de que se renovarán os servizos, unha medida especialmente importante no caso dos saneamentos e o abastecemento de augas, que levan presentado deficiencias nos últimos tempos debido á súa antigüidade. Respecto dos acabados, no caso da Gran Vía serán similares aos da rúa San Xosé, mentres que no caso da Desiderio Varela, seguirase coa liña do treito que xa ten sido acondicionado. Outro dos asuntos que se debaterá na sesión é a sinalización dos dous días de festa de carácter retribuído e non recuperable no termo municipal de Carballo para 2012. Trátase dun ano bisesto, polo que o día de San Xoán é o domingo 24 de xullo. Sempre que o día do patrón cadra en fin de semana, propóñense como festivos locais o Martes de Antroido e o 25 de xuño, e esta será a proposta que se presentará no pleno. No apartado de asuntos económicos, a sesión inclúe a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito, o segundo abordado para 2010. O seu importe é de 194.029 euros, unha cifra que, segundo o Alcalde, "é inferior a outros anos" e está "lonxe" dalgunhas das porcentaxes globais de recoñecementos presentados noutros mandatos.

A corporación aborda tamén a luz verde para unha baixa de crédito destinada a financiar un remanente de tesourería negativo. Así, segundo o Real Decreto Lexislativo 8/2010 que recolle as medidas extraordinarias para reducir o déficit, o custo de persoal aforrado polo descenso nos salarios dos traballadores públicos debe destinarse, ben a reducir o endebedamento xeral dos concellos, ben a cubrir o remanente negativo de tesourería. Neste caso, o remanente que se cubrirá co aforro acadado é de 51.278,81 euros. O que se consiga de aquí a final de ano destinarase á redución da débeda. Así mesmo, a orde do día inclúe a aprobación da Conta xeral do exercicio 2010 do Concello e do Padroado Deportivo Municipal. Por último, a sesión aborda dous asuntos de trámite, como a dación de conta da representación en órganos colexiados ou a aceptación das dedicacións exclusivas. No primeiro caso, precisamente para este pleno téñense constituído as comisións de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación (CIFECRIC) e a de Promoción Económica, Obras, Medio Ambiente e Servizos (CIPEOMAS). No primeiro caso, estará presidida por Belén Lendoiro; no segundo por Xosé Manuel García Guillín. Así mesmo, todos os concelleiros do Goberno teñen aceptado as dedicacións asignadas. Porén, aínda non se sabe se Xosé Regueira renunciará á remuneración do Concello en favor dunha dedicación na Deputación da Coruña. En todo caso, darase a coñecer nos próximos días, cando se celebre o pleno organizativo do organismo provincial.

Compartir: