Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 250 nenos e nenas participan nas...

CONTAN COA COLABORACIÓN DO PROGRAMA CONCILIA

Máis de 250 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria

Mércores 27 de xullo do 2011

Os cativos e cativas están atendidos por un total de 12 monitores para actividades deportivas e 5 especializados en actividades culturais, todos eles dirixidos por un coordinador. Mediante o acordo entre o Concello e Balonmán Xiria, as familias que xa participan no Concilia durante todo o ano poden continuar co servizo durante o verán grazas ás Escolas, xa que a maioría das familias non poden desfrutar dos dous meses de vacacións cos que contan os cativos e cativas. Ademais, familias que durante todo o ano participan no programa de Educación Familiar, que trata de paliar as deficiencias presentadas nas familias, procurando a prevención de futuras dificultades e a integración social dos seus membros, teñen a posibilidade de participar nesta iniciativa de xeito gratuíto grazas á axuda do Concello. O 5 por cento da oferta das Escolas vai destinada a este programa. AS Escolas Deportivas e Culturais Xiria ofrecen durante todo o verán un amplo abano de posibilidades durante 5 días á semana e con actividades que unen cultura e deporte. Obradoiros de traballos manuais, teatro, informática ou inglés forman parte desta oferta, ademais de grupos de actividade deportiva adaptados para cada idade, incluíndo psicomotricidade para os máis cativos e cativas de 3 anos.

As Escolas Deportivas e Culturais Xiria chegan no ano 2011 á súa edición número 18, mentres que é o segundo ano consecutivo que o programa Concilia colabora coa iniciativa.

Compartir: