Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Festival Sereas e Piratas toma Razo o...

EL COLUMPIO ASESINO, ME AND THE BEES OU THE COBRAS: NO CARTEL

O Festival Sereas e Piratas toma Razo o sábado 23 de xullo con surf e música de grupos "punteiros e arriscados"

Xoves 21 de xullo do 2011

Respecto dos horarios do Sereas e Piratas, a cita comeza ás 12.00 horas do sábado 23 de xullo co Roxy Longday Festival, unha cita que se prolongará ata o comezo das actuacións da noite, ás 21.00 horas. Coa colaboración de Roxy e Razsurfcamp, esta cita principia cunha Longskate Session. Ás 14.00 e ata as 16.00 horas é a sesión vermú e unha churrascada amenizada polo grupo barcelonés Me and the Bees. Aquelas persoas que participan no Longday Festival xantarán gratis, e os espectadores poderán facelo a un módico prezo. Os inscritos nas actividades deportivas e o público mestúranse antes de que ás 16.00 horas, comece de novo a acción, neste caso cunha Longboard Session. Ás 18.00 horas está prevista a entrega de agasallos para os participantes. Ademais, durante todo o día a artista EME estará customizando táboas de surf e patíns. Ademais, varios monitores de Razsurcamp impartirán aulas de surf e SUP durante todo o día. Xa á tardiña, e para animar a espera antes do comezo do prato forte na carpa, está prevista a actuación especial de Watios, que introducen aires de hip hop ao festival. E ás 21.00 horas e a apertura da carpa, que este ano contará con servizo de comida e bebida, ademais de coas actuacións. O cartel introduce a un grupo carballés, Snots, e está tamén formado por Mano de Obra, Dirty Socks, The Sugar Co., The Cobras e o peche con El columpio asesino.

Vanesa Ínsua subliña que o festival mantén a filosofía de ser "unha plataforma da escena galega" e de conseguir "grupos punteiros e arriscados no indie" sen esquecer "darlle cabida a grupos locais". O festival presentouse no Pazo da Cultura coa presenza, ademais de Ínsua e Deus, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; da Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís; e da Concelleira de Igualdade, Benestar e Mocidade, Silvana Castro. Durante a cita asinouse, así mesmo, o convenio de colaboración entre AC Rebeldía e o Concello que permite o desenvolvemento da cita. O Alcalde quizo subliñar "as maridaxes que se producen neste festival", con "música de calidade nun espazo extraordinario como é Razo e tamén coa práctica do surf". Resaltou a elaboración dunha revista coidada para promocionar esta cita e tamén manifestou a súa satisfacción porque "os proxectos sobrevivan as dificultades", e porque Carballo continúe a ser un referente en "festivais de calidadade". Dede a Asociación Cultural Rebeldía queren agradecer especialmente a colaboración do Concello, así como de Razsurfcamp, Roxy, a Deputación da Coruña, Cosmic Pop Pub, Bulova, Celtium, Pepsi, Super Bock e <aviajes.com>. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo nesta mesma nova, na páxina web do Festival Sereas e Piratas, onde poden obter, ademais, información dos grupos participantes.

Compartir: