Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno ao convenio para mellorar a...

DOTACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS CON DESFIBRILADORES

Luz verde no pleno ao convenio para mellorar a contorna do mercado municipal de Carballo

Mércores 27 de xullo do 2011

A corporación sacou tamén adiante, neste caso por unanimidade, un acordo para dotar de desfibriladores as instalacións deportivas municipais. Así, o Goberno ratifica a súa decisión de contar con este servizo nos principais complexos deportivos do Concello, como as piscinas da capital municipal. Este investimento xa está recollido nas partidas orzamentarias, así como o financiamento da formación necesaria para que o persoal das instalacións poida manexar os aparellos, xa que a decisión de contar con este servizo foi tomada na xuntanza do consello do Padroado Deportivo Municipal do pasado mes de febreiro. O obxectivo desta medida é mellorar a seguridade. Outro dos asuntos aprobados por unanimidade foi a sinalización dos dous días de festa de carácter retribuído e non recuperable no termo municipal de Carballo para 2012. Trátase dun ano bisesto, polo que o día de San Xoán é o domingo 24 de xullo. Sempre que o día do patrón cadra en fin de semana, propóñense como festivos locais o Martes de Antroido e o 25 de xuño, proposta que finalmente saíu adiante. No apartado de asuntos económicos, a sesión supuxo o visto bo, cos votos de BNG e PSOE, para un recoñecemento extraxudicial de crédito, o segundo abordado para 2010. O seu importe é de 194.029 euros. A corporación deu, así mesmo, luz verde para unha baixa de crédito destinada a financiar un remanente de tesourería negativo de 51.278,81 euros, así como para a conta xeral de 2010. Nestes dous puntos, votaron a favor BNG, PSOE e TEGA, mentres que o PP optou pola abstención.

Por último, a sesión abordou dous asuntos de trámite: a dación de conta da representación en órganos colexiados e da aceptación das dedicacións exclusivas. No primeiro caso, o acordo detalla a composición das comisións informativas, que finalmente son catro: Comisión Informativa de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación (CIFECRIC); Comisión Informativa de Urbanismo e Medio Rural (CIUMR); Comisión Informativa de Benestar e Participación Social (CIBPS); e Comisión Informativa de Promoción Económica, Obras, Medio Ambiente e Servizos (CIPEOMAS). Así mesmo, deuse conta da constitución da Comisión Especial de Seguridade (Xosé Regueira, BNG; José Lado, PP; Manuel Andrade, TEGA; e José Antonio Viña, PSOE) e da Xunta de Voceiros (formada por Xose Regueira, BNG; Alberto Sueiro, PP; Manuel Andrade, TEGA; e José Antonio Viña, PSOE). No que respecta á representación de membros da corporación en órganos colexiados, o presidente do Padroado Deportivo Municipal é o Alcalde, Evencio Ferrero, así como da Mesa de Negociación, nas que tamén están presentes, por parte do Goberno, Marcos Trigo e Xosé Regueira, respectivamente. A presidenta da Comisión de Baremación e seguimento da Escola Infantil Municipal As Landras é Mar Eirís e o presidente da Xunta Local de Seguridade é Evencio Ferrero. Así mesmo, o presidente da Mesa Local de Comercio é Xosé Manuel García Guillín e o presidente do Consello Escolar Municipal é o Alcalde de Carballo, coa presenza da Concelleira de Educación, Mar Eirís, e da Concelleira do PP Bibiana Bértoa.

Compartir: