Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, Protección Civil e o Centro de...

LUNS 1 E MARTES 2 DE AGOSTO NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión fan un chamamento para que a xente participe na campaña de doazón

Xoves 28 de xullo do 2011

Dende o CTG, Antonio Carcedo tamén quere destacar que nestes momentos hai moita necesidade de doazón ao tratarse do verán, e recalca os baixos índices de sangue do tipo A positivo e O negativo, este último doante universal. O responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, tamén quixo subliñar a colaboración do seu departamento na campaña de doazón. Así, nos últimos días e tamén ao longo da próxima fin de semana, os usuarios e usuarias das praias do municipio recibirán información cumprida da próxima campaña de doazón do CTG, especialmente a través dos altofalantes dos areais. Tamén está previsto o reparto de folletos polas rúas da vila para facilitar información aos veciños e veciñas sobre a campaña. Dado que en 2010 a taxa de Carballo foi de 36 doazóns por cada mil habitantes, e a pesares de que se rexistraron 76 doadores novos e se trata do Concello con maior número de doazóns da bisbarra, o obxectivo do CTG para este ano é o de incrementar a participación para que a taxa recupere as cotas máis altas de solidariedade.

En todo caso, os datos de Carballo son mellores que a media rexistrada na comarca de Bergantiños, xa que o descenso no conxunto dos concellos é dun 7 por cento, acadándose un total de 2.595 doazóns cun índice de 37 por cada 1.000 habitantes e ano, tamén por debaixo das recomendacións da OMS. Por iso a campaña intensifícase nos períodos vacacionais, especialmente na época estival, que teñen como característica común a dificultade de manter estables as doazóns. Así mesmo, nesta época increméntanse os desprazamentos e, como consecuencia, os accidentes de tráfico e as urxencias hospitalarias. A campaña do verán de 2011 quere transmitir a idea de que, doando sangue podemos compartir o noso bo estado de saúde con outras persoas para que poidan curar e, mesmo, salvar a súa vida. Na rolda de prensa estiveron presentes, ademais de Evencio Ferrero, Javier Souto Facal e Antonio Carcedo, o Concelleiro de Réxime Interior, Xose Regueira; e a Concelleira de Sanidade, Carmen Regueira.

Compartir: