Inicio Carballo ao día Hemeroteca O marketing e o salto a outros mercados: algunhas...

PRIMEIRAS CONCLUSIÓNS DO PLAN DE DINAMIZACIÓN EMPRESARIAL

O marketing e o salto a outros mercados: algunhas das claves para a expansión e mellora das empresas de Carballo

Venres 29 de xullo do 2011

As conclusións tamén se centraron en facilitar claves para que as empresas melloren a súa situación financeira, xa que o título da sesión informativa, celebrada o xoves 28 de xullo ás 20.30 horas, foi "Xestión de cobros e morosidade". Neste ámbito, as empresas de Carballo teñen como fortalezas a súa capacidade e ambición e que manteñen ao día as súas contas. O máis preocupante, pola contra, é o feito de que carecen de organización e planificación, atopan dificultades para obter financiamento (en parte pola situación de crise que se está a vivir), teñen dificultades na toma de decisións, non deixan que os empregados se impliquen coa situación da empresa, manteñen liñas de prezos pouco axeitadas e non definen ben as súas ideas. Entre as solucións que propoñen os expertos para superar as debilidades das empresas están buscar liñas de financiamento máis aló do Igape, favorecer a rendibilidade de cada unha das liñas de negocio da compañía, investir alomenos un 15 por cento das vendas anuais na mellora da imaxe da empresa ou buscar novos mercados, ben a través de Internet, ben escapando do ámbito de influencia da vila cara a mercados veciños.

A segunda parte desta sesión informativa centrouse nas claves da Lei 15/2010 do 5 de xullo pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade. Esta normativa foi modificada para corrixir os desequilibrios e aproveitar as condicións das empresas co fin de favorecer a competitividade e acadar un crecemento equilibrado da economía que permita a creación de emprego. Entre as medidas máis significativas que recolle a nova Lei destaca a supresión do pacto entre as partes para acordar prazos de pago; a redución dos períodos nos que se deben abonar as facturas a 60 días para as empresas en xeral e para as construcións de obra pública (prazos aplicables en 2013); e a 30 días para as administracións públicas; a exclusión dos provedores de inmobilizado e dos acredores por arrendamento financeiro; e o deber de información das facturas abonadas na Memoria de Contas Anuais realizadas polas Auditorías das empresas. Ao remate da sesión, as empresas que participaron no Plan de Dinamización puideron recoller o seu informe personalizado, e resolver as súas dúbidas cos representantes de EBC Consulting.

Compartir: