Inicio Carballo ao día Hemeroteca A empresa Ogmios inicia os traballos da...

ESTIVERON PRESENTES MILAGROS LANTES E EVENCIO FERRERO

A empresa Ogmios inicia os traballos da Biblioteca co valado perimetral e a comprobación do replanteo

Luns 1 de agosto do 2011

A nova Biblioteca de Carballo será un espazo público cun soto destinado a arquivo, e outros dous andares destinados á zona de uso para os veciños e veciñas, ademais de servir de almacenaxe e empréstito de libros. Así, contará con mediateca de audio e vídeo e unha zona pensada para os máis cativos e cativas para que os bebés poidan gatear, e incluso cunha área para cambiar os cueiros. Os adultos contarán cunha zona de hemeroteca con máquina de café, accesos a Internet e todos os elementos que fagan o lugar atractivo para desfrutar del. Así mesmo, haberá un espazo que permitirá desenvolver actividades para os nenos e nenas ao aire libre. O acceso principal realizarase pola rúa Pontevedra. Ademais do espazo aberto de consulta e lectura, crearase unha sala multiusos con bancadas para poder realizar recitais e para as actividades dun club de lectura. O edificio estará equipado coas últimas tecnoloxías, incluíndo detalles como a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ter acceso a videoxogos, cunha área de cómics e un espazo para literatura xuvenil. Está previsto que o acabado do edificio, rodeado por unha zona verde, se realice en pranchas verticais de cerámica. Entre as melloras do proxecto que acometerá Ogmios están as relativas ás calidades e acabados ou a servizos como alarmas, mobiliario, lámpadas, proxectores ou monitores de televisión.

Compartir: